A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta actuación estratéxica

Ethel Vázquez destaca o avance da Xunta nas obras da estación intermodal da Coruña, co inicio das cimentacións e os traballos a pleno rendemento na execución dun investimento de 40 M€ na cidade

Vázquez Mourelle salienta o salto cualitativo nas obras ao comezar as cimentacións e avanzar nos pilotes da terminal e do paso inferior coa máquina pilotadora

Detalla que na actualidade están a traballar 51 operarios e 16 máquinas nestas obras, que nestes días están xa a dar os primeiros pasos na estrutura do novo edificio

Recorda que a Xunta financia e executa a estación de autobuses e constrúe o aparcadoiro e elementos comúns coa terminal de tren, que remodela Adif

A estación de autobuses, paralela á avenida da Sardiñeira, dará servizo a máis de 2.750.000 viaxeiros cada ano a través de 500 expedicións diarias

A estación vai estar construída sobre o aparcadoiro, que executa tamén a Xunta e que financia principalmente Adif, con 325 prazas ao servizo dos viaxeiros e dos veciños

A conselleira destaca a importancia da colaboración entre administracións e insta ao Concello a facilitar a sinatura, canto antes, do acordo para o impulso do Novo CHUAC

A Coruña, 24 de febreiro de 2023 A titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o avance da Xunta nas obras da estación intermodal da Coruña, co inicio das cimentacións e os traballos a pleno rendemento na execución dun investimento de 40 M€ na cidade.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou esta actuación estratéxica, xunto co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho; e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.

 

Destacou que o Goberno galego está a actuar coa máxima dilixencia para cumprir os compromisos coa intermodal da Coruña, na que a estación de autobuses será a primeira peza.

 

Explicou que se vén traballando desde o 27 de setembro, tendo avanzado na preparación do terreo, a retirada de solos contaminados e coas instalacións para realoxo dos traballadores e espazos de traballo de Adif.

 

Sinalou que xa se executaron as primeiras demolicións das distintas construcións que ocupaban o espazo no que se vai levantar a estación de autobuses, incluído o taller de autopropulsados e tres naves de traballo de Adif.

 

Estes traballos previos permiten, segundo incidiu Ethel Vázquez, dar agora un salto cualitativo na construción da estación de autobuses e comezar a executar as cimentacións.

 

Detallou que na actualidade están a traballar 51 operarios e 16 máquinas nestas obras, que nestes días están xa a dar os primeiros pasos na estrutura do novo edificio.

 

Agora mesmo están iniciadas as cimentacións directas e comeza a instalación dos pilotes da terminal e do paso inferior, para o que se recibiu xa a máquina pilotadora.

Esta actuación está financiada no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea a través dos fondos Next Generation UE.

A titular de Infraestruturas lembrou que este gran proxecto é froito da colaboración institucional da Xunta con Adif e co Concello para impulsar estas obras, un investimento conxunto de arredor de 120 M€.
 

A Xunta asumiu a responsabilidade de construír e financiar a nova estación de autobuses integrada na terminal ferroviaria de San Cristóbal, ademais de executar o aparcadoiro e os elementos comúns coa estación de tren, que remodela Adif, preparándoa para recibir o AVE, cando chegue á cidade.

 

A nova estación de autobuses, que se sitúa de forma paralela á avenida da Sardiñeira, contará con 20 dársenas de operación e con outras 23 de regulación no aparcadoiro e terá un total de 26.000 m², cun edificio de viaxeiros de 2.500 m².

 

Ethel Vázquez destacou que se trata dunha estación moderna, accesible e preparada para dar o mellor servizo aos máis de 2.750.000 viaxeiros cada ano a través das máis de 500 expedicións diarias.

 

A estación vai estar construída sobre o aparcadoiro, que executa tamén a Xunta e que financia principalmente Adif, con 325 prazas, que estará ao servizo dos viaxeiros e dos veciños da cidade.

 

Insistiu en que esta obra é un bo exemplo do que as administracións poden facer xuntas cando unen os nosos esforzos en proxectos que pagan a pena.

 

Neste sentido, aproveitou para instar ao Concello da Coruña a apostar pola sanidade pública facilitando a sinatura, canto antes, do acordo para o impulso do Novo CHUAC.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023