Galicia Calidade presenta aos emprendedores ourensáns as vantaxes de contar co selo de garantía

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, mantiveron un encontro coa AJE da provincia no que puxeron en valor o recoñecemento desta marca entre os consumidores

Ourense, 24 de febreiro de 2023

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, presentaron hoxe nun almorzo organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ourense os obxectivos do selo de garantía, así como os beneficios de contar co certificado para os produtos e servizos galego. Ana Méndez, destacou o crecemento exponencial que rexistrou Galicia Calidade na última década, xa que pasou de contar con 45 empresas adheridas en 2012 ás 151 actuais; mentres que o número de produtos e servizos que contan co selo de certificación de garantía se multiplicou por catro.

Ana Méndez subliñou que a marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, está a espertar o interese de moitas empresas de diversos sectores da economía galega pola "gran aceptación" e "reputación" que ten entre os consumidores. A xerente de Galicia Calidade explicou que as empresas que contan con produtos ou servizos certificados por Galicia Calidade superaron en 2021 os 4.150 millóns de euros, o que equivale ao 6,6% do PIB de Galicia, e contan con 11.966 empregos directos. Ademais, "comercializan os produtos co noso selo de garantía en máis de 60 países", engadiu a xerente de Galicia Calidade.

Ana Méndez explicou unha das fortalezas da marca Galicia Calidade, máis alá dos datos económicos, "radica no coñecemento e recoñecemento" dos consumidores e usuarios. Así debullou os datos da última enquisa interna que apunta que o 93,6% dos consumidores considera que "é importante ou moi importante" que os produtos ou servizos conten cun selo de garantía, incluso o 77,6% está disposto a pagar un pouco máis por eles. "O 86% asegura que a marca lle transmite moita ou algunha confianza", salientou a xerente.

 

Sobre Galicia Calidade

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con 151 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023