A Xunta reforza a oferta formativa na AGASP para membros dos corpos de seguridade e persoal de emerxencias con máis de medio cento de cursos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villlanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública

A Academia seguirá a actualizar os coñecementos do persoal da Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil xunto cos servizos de emerxencias como Protección Civil, GES, servizos de extinción de incendios ou socorristas

En conxunto dispoñen de máis de 14.000 prazas para a realización de 20.300 horas lectivas

A Estrada (Pontevedra), 24 de febreiro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) no que se aprobaron os plans de formación destinados a membros dos corpos e forzas de seguridade, por unha banda, e a persoal dos servizos de emerxencias, por outra. O conxunto das accións formativas previstas para 2023 suma máis de medio cento, 245 no eido da seguridade pública e 280 no das emerxencias. A cifra supón un importante incremento con respecto ao pasado ano, no que se impartiron 441 cursos con preto de 12.000 persoas diplomadas.

Segundo o plan presentado no eido da seguridade pública, neste exercicio os axentes de Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil dispoñen de 5.750 prazas para recibir máis de 8.300 horas lectivas en 133 cursos programados en diferentes edicións que suman 245 accións formativas. Nesta liña, avanzouse a próxima sinatura dun convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para ofrecer formación diferenciada en ciberseguridade, xa que máis do 60% das denuncias presentadas por particulares están relacionadas con delitos a través da rede.

Ademais seguirase colaborando coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, cun módulo completo e independente de formación nesta materia. En 2023 incidirase tamén na formación continua, especialmente no eido máis social, para dotar os axentes dos recursos precisos nas intervención con persoas vulnerables, menores, e con discapacidade ou diversidade funcional. A maiores, ofrécense cursos para a actualización normativa centrados nas últimas leis e cambios lexislativos aprobados, como a modificación do Código Penal ou a lei de benestar animal.

As accións realizaranse con carácter xeral tanto de xeito presencial como en liña, agás as de contido práctico e habilitación para o manexo de dotacións como radar, inmobilizador electrónico, drogotest ou arma regulamentaria, que serán presenciais.

A maiores, ese ano formarase na academia a 15ª promoción da Policía Local, con case un cento de aspirantes e que arrinca a súa preparación o 3 de marzo. Cómpre sinalar que neste 2023 fai 30 anos do primeiro curso de Policía Local impartido na academia, que precisamente comezou a súa andaina en 1993.

Preto de 300 cursos para formación en emerxencias

Pola súa banda, o persoal dos servizos de emerxencias dispón en 2023 de case 8.300 prazas para realizar máis de 12.000 horas lectivas nas 280 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para fomentar a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.

A programación deste ano reforza o número de cursos descentralizados, achegándoos aos lugares de residencia do alumnado, e mantén a aposta por unha maior carga horaria en liña. O obxectivo é facilitar o acceso e reducir os desprazamentos.

O voluntariado de Protección Civil contará con máis de 3.500 prazas para 143 cursos nos que se inclúe formación básica obrigatoria, actividades de loxística, manexo de equipos e apoio en intervencións. Aos profesionais dos servizos de emerxencias ofrécenselles 49 cursos con 1.337 prazas e centrados na formación transversal en rescate e intervención, en operacións de axudas técnicas, en dirección e xestión das intervencións, no manexo de equipos e no apoio en intervencións.

Para a formación en socorrismo resérvanse 46 accións formativas con 1.610 prazas e para o persoal dos GES, tres con 75 prazas. Canto á programación enmarcada no convenio de formación coa Consellería do Medio Rural, prevense 38 cursos con 1.741 prazas para abordar o manexo de maquinaria pesada na loita contra os incendios, primeiros auxilios, seguridade, investigación de lumes ou xestión de grandes incendios, entre outras cuestións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/02/2023