O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, respondeu hoxe sobre esta cuestión na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego
A Xunta sinala que o concello de Cambre non xustificou o funcionamento do Servizo de Atención Temperá nas convocatorias de 2021 e 2022
O Goberno galego concedeulle axudas para o funcionamento da unidade a través destas dúas convocatorias, pero tan só xustificou o funcionamento correspondentes aos meses de setembro, outubro e novembro de 2021
Cambre volve a ser un dos municipios beneficiados da última convocatoria de axudas para a posta en marcha de unidades de atención temperá, que segundo o Goberno local comezará a funcionar o vindeiro 1 de marzo
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023 O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, sinalou que o Concello de Cambre non xustificou o funcionamento do servizo de atención temperá durante as convocatorias dos anos 2021 e 2022, polo que se lle reclamou a devolución dos importes aboados. Así o manifestou esta tarde durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego no Parlamento de Galicia.
O director xeral explicou que o Concello de Cambre solicitou as axudas impulsadas pola Xunta para a posta en marcha de unidades de atención temperá destinadas á atención de nenos de 0 a 6 anos nas convocatorias do ano 2021 e 2022. En ambas as dúas ocasións, o Goberno local non xustificou o funcionamento do servizo polo que xa tivo que reintegrar o importe non xustificado na convocatoria do ano 2021, e foille reclamado facer o mesmo co importe correspondente a convocatoria do ano 2022.
González Abeijón apuntou que o Concello tan só chegou a xustificar gastos correspondentes ao funcionamento da unidade durante os meses de setembro, outubro e novembro do ano 2021, unha cantidade que lle foi aboada. Así mesmo, afirmou que Cambre volve a ser un dos municipios beneficiados da última convocatoria de axudas para a posta en marcha de unidades de atención temperá, que segundo o Goberno local comezará a funcionar o vindeiro 1 de marzo. O Concello deberá agora tamén xustificar o funcionamento do servizo.