O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, compareceu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia para informar sobre as axudas ás persoas máis vulnerables

A Xunta aumentou desde principios de ano nun 8% as contías da Risga no seu tramo persoal e familiar

Incrementáronse tamén os complementos de aluguer e de inserción laboral da Renda de Inclusión Social de Galicia

Ademais, o Goberno galego subiu os complementos autonómicos ás pensións non contributivas e ao bono social térmico, así como as contías das axudas de inclusión social (AIS)

Así mesmo, a través das dúas últimas convocatorias do Plan Concertado cofinanciáronse 131 novos postos de traballo nos servizos sociais de 114 concellos

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023 A Xunta incrementou desde o pasado mes de xaneiro nun 8% as contías do tramo persoal e familiar da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) e tamén subiu os complementos de aluguer e de inserción laboral. Así o indicou o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, que compareceu esta tarde na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para informar sobre as axudas autonómicas ás persoas e fogares máis vulnerables.

 

Arturo Parrado destacou que ano tras ano, o Goberno galego aumenta os recursos destinados a loitar contra a pobreza e a exclusión. De feito, este ano 2023 a área de Inclusión Social conta con máis fondos que nunca: 148,5 millóns de euros, un 25% máis que no exercicio anterior. Isto permite, ademais de subir as contías da Risga, reforzar outras medidas das que dispón a Xunta para apoiar ás familias que peor o están a pasar, como os complementos autonómicos ás pensións non contributivas e ao bono social térmico, así como as axudas de inclusión social (AIS).

 

Así mesmo, o director xeral incidiu en que o Executivo autonómico axuda aos Concellos a financiar o persoal dos seus servizos sociais. Ao respecto, informou de que coas dúas últimas convocatorias do Plan Concertado cofinanciáronse un total de 131 novos postos de traballo no equipos sociocomuntarios de 114 municipios.

 

Ingreso Mínimo Vital

Por outra parte, Arturo Parrado criticou a mala planificación e xestión por parte do Goberno central do Ingreso Mínimo Vital (IMV), o que impide que chegue ás familias que o necesitan. Neste sentido, sinalou que o feito de que o 55% dos preceptores da Risga se manteñan nela pese a aprobación do IMV, pon de manifesto o limitado alcance da prestación estatal. Ante esta situación, o director xeral insistiu na necesidade de que o Executivo central coordine o IMV coas Comunidades Autónomas.

Data de actualización: 23/02/2023