Lete Lasa destaca a importancia do fútbol sala en Galicia e en Ourense na presentación da fase final do Campionato de España sub-16 e sub-19

O secretario xeral para o Deporte felicita á Real Federación Galega de Fútbol por superar as 100.000 licenzas e lembra a publicación no día de onte da licitación das obras de rexeneración do campo de fútbol de céspede natural do Estadio do Couto

Ourense, 23 de febreiro de 2023 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da Fase Final dos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas Sub 16 e Sub 19 de Fútbol Sala que terá lugar en Ourense do 2 ao 5 de marzo tano no Pavillón dos Remedios como no Pazo dos Deportes Paco Paz.

 

Nas súas verbas, o secretario xeral para o Deporte destacou os éxitos dun dos mellores equipos de fútbol sala do mundo, como foi o Lobelle Santiago hai uns 15 anos, así como os éxitos actuais do que foi elixido como mellor equipo do mundo ata en dúas ocasións, o Burela, para sinalar a importancia do fútbol sala galego. Neste sentido, dixo, “que nun lapso de 20 anos Galicia contara cun dos mellores equipos de fútbol sala masculino e con mellor equipo de fútbol sala feminino da historia, débese a unha combinación cuasi perfecta entre o traballo que se realiza no deporte de alto nivel, pero sobre todo, no deporte de base”.

 

Neste sentido, o mandatario galego subliñou o traballo que Galicia realiza coa súa base como demostran campionatos coma este que acollerá Ourense ou atendendo aos rapaces e rapazas mutualizados no Programa Xogade que en 2022, tras dous anos de pandemia, xa superaron os 120.000. Falando de licenzas, Lete Lasa lembrou que Galicia xa conta con 292.500 persoas que practican deporte de xeito federado, superando tamén os rexistros pre pandemia. O secretario xeral felicitou á Real Federación Galega de Fútbol por superar as 100.000 licenzas, das que 17.000 son de fútbol sala.

 
Lete Lasa recordou a importancia do fútbol na provincia e na cidade de Ourense e lembrou a publicación no día de onte da licitación das obras de rexeneración do campo de fútbol de céspede natural no Estadio do Couto en Ourense, que contarán cun orzamento de preto de 800.000 euros (786.076,34 euros) e para as que se poderán presentar ofertas ata o 20 de marzo. Ademais, as obras de mellora e reforma do Estadio do Couto que están actualmente en execución -cun investimento de 1,8 millóns de euros- estarán rematadas nesta primavera.

Data de actualización: 23/02/2023