A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo unha xuntanza esta mañá coa presidenta da Confederación Hidrográfica do Douro, María Jesús Lafuente, e representantes da Mancomunidade de municipios da comarca de Verín para avanzar neste proxecto

A Xunta, a Confederación Hidrográfica do Douro e a Mancomunidade de Verín avanzan no convenio para cofinanciar o estudo de alternativas para a mellora do saneamento do río Támega

O obxectivo é resolver os problemas do sistema de saneamento que verte ao río Támega, na zona alta, onde conflúen os colectores de Verín, Castrelo do Val e Monterrei

A pesar de que o río Támega pertence á Confederación Hidrográfica do Douro, a Xunta asumirá o traballo de elaborar o estudo de alternativas para identificar as solucións máis acaídas para o saneamento dos concellos de Verín, Monterrei e Castrelo de Val

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023 A Xunta, a Mancomunidade de municipios da comarca de Verín e a Confederación Hidrográfica do Douro avanzaron hoxe no convenio de colaboración para cofinanciar, a partes iguais, o estudo de alternativas que definirá as actuacións prioritarias para a mellora do saneamento do río Támega.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe unha xuntanza coa presidenta da Confederación Hidrográfica do Douro, María Jesús Lafuente, e con representantes da Mancomunidade de municipios da comarca de Verín.

 

Augas de Galicia será a encargada de licitar o estudo de alternativas para identificar as solucións máis acaídas para o saneamento dos concellos de Verín, Monterrei e Castrelo de Val, unha vez acordado e asinado o correspondente convenio.

 

Segundo o acordado, o estudo de alternativas introducirá o inventariado de todos os puntos de vertido, tanto os que non conectan actualmente cos colectores principais como os puntos de vertido illados, e con esa información deseñar as actuacións que se consideren máis axeitadas. 

 

A Confederación Hidrográfica do Douro deberá remitir a todas as partes o texto do convenio nos termos acordados para a súa aprobación e sinatura. Unha vez firmado, Augas de Galicia procederá a licitar o estudo ao que se comprometeu.

 

O obxectivo desta cooperación é resolver os problemas que presenta o sistema de saneamento que verte ao río Támega, concretamente na zona alta, onde conflúen os colectores de Verín, de Castrelo do Val e de Monterrei, e na que se producen frecuentes infiltracións e alivios ao cauce e na depuradora de Verín.

 

A pesar de que o río Támega pertence á Confederación Hidrográfica do Douro, a Xunta asumirá o traballo e o cofinanciamento do estudo de alternativas para a planificación das obras.

 
Dada a complexidade que leva aparellada a xestión por parte das administracións locais das súas competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de auga, o Goberno galego colabora e presta apoio técnico e financeiro aos municipios.

Data de actualización: 23/02/2023