A Xunta pon en valor a nova concentración parcelaria de Melide que reorganizará 1.117 hectáreas e para a que se prevé un investimento de máis de 3,3 M€

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural explicou hoxe na localidade coruñesa as particularidades da parcelaria de Baltar-Golán-Grobas, que beneficiará 335 veciños

Este proceso forma parte dos 28 decretados en toda Galicia desde 2021, que abarcan máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 propietarios

Entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 titulares

Melide (A Coruña), 23 de febreiro de 2023 A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión informativa cos veciños beneficiados pola concentración parcelaria de Baltar-Golán-Grobas, que reestruturará 1.117 hectáreas do concello de Melide, na provincia da Coruña, propiedade de 335 titulares. Para levar a cabo esta concentración, a Xunta ten previsto un investimento de algo máis de 3,3 millóns de euros que beneficiará máis dunha vintena de explotacións da zona.

 

Así, este proceso forma parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Cabe sinalar que estes decretos decláranse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Para isto, a Consellería do Medio Rural ten asignados 17 millóns de euros nos orzamentos de 2023 para seguir traballando nestes procesos de reestruturación.

 

Nesta liña, entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. O obxectivo é acadar a trintena de procesos -tanto decretados como finalizados- no primeiro semestre deste ano.

 
Xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Desde a entrada en vigor da norma, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023