Rueda celebra o bo momento do sector lácteo galego con 18 meses seguidos de incremento dos prezos pagados aos gandeiros que favoreceu unha cifra récord de facturación

Subliña que o sector acadou os 1.306 M€ de facturación en 2022 pola venda de leite, un máximo histórico e que supón un 35% máis que no 2021

Destaca que Galicia se consolida como “líder nacional” en produción de leite e está “entre as dez principais rexións produtoras de toda Europa”

O Consello da Xunta tomou razón dun informe sobre este eido produtivo que reflicte, entre outras conclusións, que aumentaron tanto os prezos pagados aos gandeiros polo leite como os dos produtos lácteos nos lineais

Así, o incremento anual dos prezos medios do leite foi do 64,61 % e o dos prezos nos lineais de arredor dun 39 %, unhas subidas que máis que compensaron o aumento dos custos de produción, cifrados na contorna do 11,2 %

O rendemento medio por explotación aumentou en Galicia un 73,7 %, por riba do dato de España, o que amosa que as granxas galegas son cada vez máis eficientes e competitivas

Estes bos datos enmárcanse na aplicación da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego (2020-2025), impulsada pola Xunta de acordo cos axentes deste eido produtivo
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023 .-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe o bo momento que vive o sector lácteo galego, especialmente no que atinxe á constante subida dos prezos pagados aos gandeiros polo seu produto nos últimos meses e que levou a rexistrar máximos de facturación pola venda de leite. “O sector acadou en 2022 un récord de facturación ao alcanzar os 1.306 millóns de euros, un 35,2% máis que no 2021”, indicou o presidente, quen subliñou que que trátase dun sector “fundamental para a economía galega”.

 

Rueda lembrou que Galicia “é líder nacional en produción de leite” -concentra o 41% do total de España- e “está entre as dez principais rexións produtoras de toda Europa”. Nesta liña, puxo en valor que os últimos datos non só consolidan a comunidade senón que demostran que a Estratexia de dinamización do sector lácteo que a Xunta puxo en marcha en 2020 “foi unha medida acertada”.

 

Tal e como explicou o presidente, un informe avaliado hoxe no Consello indica que o prezo que se lle paga aos gandeiros polo leite leva 18 meses consecutivos de incremento.

Esta suba máis que compensou o aumento dos custos de produción, polo que as marxes das gandarías de Galicia melloraron no 2022 respecto do ano anterior. Así, cómpre sinalar que os custos de produción aumentaron un 11,2 %, pero o incremento dos prezos pagados aos gandeiros foi do 64,61 % e os prezos nos lineais medraron arredor dun 39 %.

 

O informe tamén reflicte, entre outras conclusións, que o prezo medio pagado polo leite en Galicia en decembro de 2022 “chegou ata os 58,6 céntimos/litro”, cun incremento anual superior nunhas décimas ao rexistrado no conxunto de España.

 

Con respecto á facturación total das gandarías, se lle sumamos á venda do leite as vendas de animais, as axudas da PAC, a achega extraordinaria pola invasión rusa de Ucraína e outros ingresos, estímase que a cifra chegou aos 1.568,95 millóns de euros.

 

Ademais, tal e como resaltou Rueda o informe amosa que “o rendemento medio por explotación aumentou en Galicia un 73,7 %, dez puntos por riba do dato de España”, que foi do 62,8%. Isto significa que as granxas galegas son cada vez máis eficientes e incrementan a súa competitividade.

 

Ao tempo, o estudo reflicte tamén que se está a rexistrar un aumento progresivo da industrialización en Galicia do leite producido na nosa comunidade. Así, no ano 2021 transformouse en Galicia o 63,23 % do leite producido, avanzando cara ao obxectivo marcado pola Estratexia de dinamización do sector, establecido no 75 % para 2025.

 

Segundo o informe, no 2022 incrementáronse tanto os prezos pagados aos gandeiros polo leite como os dos produtos lácteos nos lineais da distribución. Neste sentido, os prezos do leite enteiro e desnatado en España aumentaron nos lineais desde decembro de 2021 arredor dun 39 % e o incremento dos prezos doutros derivados lácteos (queixos, iogures) oscila entre o 23 e o 26 %.

 

Polo tanto, os principais indicadores sectoriais reflicten unha situación xeral de estabilidade que permite, entre outras cousas, que Galicia continúe como líder nacional indiscutible (acumula, con 2,9 millóns toneladas, preto do 41 % da produción total española). A maiores, o leite producido en Galicia supera tamén nas súas calidades (contido en graxa e proteína) a media española. Por outra banda, a nosa comunidade segue mantendo o peso nacional en número de explotacións, representando o 56,4 % do total de España (no 2015 esta porcentaxe era do 56,2 %).

 

Estratexia sectorial

Estes bos datos do sector leiteiro enmárcanse na aplicación da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego (2020-2025), impulsada pola Xunta de acordo cos axentes deste eido produtivo. Esta planificación configura este sector como estratéxico para o rural de Galicia, xa que achega o 1,5 % do PIB da comunidade.

 

Esta Estratexia busca contribuír a consolidar Galicia como referente neste eido, con fitos como a mellora progresiva dos prezos ou o reforzo da posición negociadora dos gandeiros. A Estratexia traballa en cinco grandes eixes: a produción, a industria, os mercados, a cadea de valor e a formación e innovación.

 
 
 
 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023