A Xunta resalta o papel das asociacións de comerciantes no impulso á competitividade do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo hoxe unha reunión con representantes do centro comercial aberto Zona Obelisco da Coruña, na que se avaliaron as principais liñas de traballo para este ano
 

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ten abertos ata o 9 de marzo dous programas que suman 2,75 millóns de euros cos que se financiarán diferentes iniciativas de promoción e dinamización comercial
 

A través destas dúas convocatorias o ano pasado obtiveron apoios 19 entidades da provincia da Coruña, con axudas que mobilizaron preto de 850.000 euros
 

A Coruña, 23 de febreiro de 2023 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo hoxe un encontro de traballo con representantes do centro comercial aberto (CCA) Zona Obelisco da Coruña, no que destacou o papel das asociacións na competitividade nos negocios locais e no que se avaliaron as principais liñas de traballo para este ano.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, lembrou que a  Xunta de Galicia apoia con 2,75 millóns de euros o labor dos centros comerciais abertos e das federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal no impulso ao comercio de proximidade galego, a través de dous programas de axudas cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 9 de marzo.
 
Por unha banda, destínanse 2,25 millóns de euros para os centros comerciais abertos, que contarán con axudas de ata 52.000 euros, en función do número de comercios asociados, apoiando así ás asociacións que atraen un maior número de negocios. Entre as actuacións subvencionables atópanse o mantemento de portais de marketplace e iniciativas de dinamización comercial e de fidelización da clientela, ademais do mantemento da unidade xerencial.
 

Por outra banda, o programa destinado ás asociacións de ámbito superior ao municipal e federacións conta cun orzamento de 500.000 euros. Entre as actuacións subvencionables atópanse as campañas e eventos de promoción e dinamización comercial.

A través destas dúas convocatorias o ano pasado obtiveron apoios 19 asociacións e federacións de comerciantes da provincia da Coruña (entre elas o centro comercial aberto Zona Obelisco, que obtivo máis de 27.000 euros) con axudas que suman preto de 970.000 euros cos que se mobilizaron máis de 1,2 millóns de euros.
 
A estes apoios hai que engadir os concedidos a asociacións e federacións de praceiros, con apoios a catro asociacións de praceiros da provincia da Coruña que mobilizan preto de 50.000 euros, a través da convocatoria de axudas para impulsar os mercados de abastos.

Data de actualización: 23/02/2023