Arias destaca que a volta ciclista O Gran Camiño, apoiada pola Xunta, “é un escaparate de primeiro nivel para Lugo”

Lugo, 23 de febreiro de 2023 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no corte de cinta previo á saída da volta ciclista a Galicia O Gran Camiño, que conta coa colaboración da Administración autonómica. Arias afirmou que esta proba “pon a Galicia no foco do ciclismo internacional e supón un escaparate de primeiro nivel para Lugo”.

A primeira etapa partiu hoxe do adarve da Muralla e culmina en Sarria, “polo que aquí atopamos unha plataforma moi valiosa para dar a coñecer ao mundo o patrimonio, as paisaxes, a natureza, o Camiño de Santiago e moitos dos atractivos turísticos que diferencian á nosa provincia”.

A esta primeira etapa seguirá mañá a segunda entre Tui e A Guarda (Pontevedra), que tamén contará con representación da Xunta a través do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e da directora de Turismo, Nava Castro. O sábado 25 continúa entre Esgos e Rubiá (Ourense); para finalizar o domingo 26 cunha contrarreloxo individual desde O Milladoiro ata a praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. O Gran Camiño é unha proba de ámbito internacional -do calendario UCI Europa- e reúne a 119 ciclistas, entre os que figuran algúns dos mellores do mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023