A Xunta asegura que o investimento na Cidade da Xustiza buscou sempre garantir a seguridade das persoas e o bo funcionamento das instalacións xudiciais

A secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz, interveu no Parlamento para responder unha pregunta sobre as obras de adaptación no proxecto do novo edificio xudicial
 

Referiuse á folla de ruta como a máis acertada xa que permitiu detectar e solucionar problemas desde o inicio da construción
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023

A Xunta buscou sempre garantir a seguridade dos traballadores e das persoas usuarias. Así como o bo funcionamento das instalacións xudiciais trasladadas á Cidade da Xustiza de Vigo, segundo asegurou hoxe a secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz, hoxe no Parlamento de Galicia. Muñoz interveu na Comisión 1º Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior para responder unha pregunta oral sobre as obras de adaptación feitas no edificio do antigo Hospital Xeral para acoller a nova infraestrutura xudicial.

Segundo apuntou a secretaria xeral técnica, a complexidade da obra, debido á antigüidade do edificio e á falta de documentación sobre a construción orixinal, fixo conveniente a licitación en dúas fases, unha de demolición e outra de rehabilitación integral. Por este motivo, houbo tamén dous estudos técnicos, o primeiro ao tempo que se executaba a demolición e o segundo ao seu remate, xa que só nese momento se podían completar os estudos sobre a estrutura do edificio. “Esta folla de ruta demostrouse acertada, ao permitir detectar problemas que se puideron solucionar desde o principio da actuación”, afirmou.
 

Elena Muñoz incidiu en que a modificación do contrato se realizou cumprindo todos os requisitos establecidos na lexislación vixente e contou con todos os informes técnicos e xurídicos precisos, negando calquera tipo de discrecionalidade na súa execución. Esa modificación foi a mellor solución técnica e económica, xa que “resultaba imprescindible a execución desas obras complementarias para garantir a seguridade da infraestrutura ante as deficiencias detectadas”, engadiu.

 Infraestrutura referente

Para a secretaria xeral técnica, Vigo dispón xa dunha infraestrutura que era moi necesaria para a cidade e que se converteu nun referente a nivel estatal. Nesta liña, referiuse ao traslado dos órganos xudiciais, que se está producir seguindo o calendario acordado cos sectores implicados e coa incorporación dos sistemas tecnolóxicos máis avanzados.

Ademais, permitiu duplicar o espazo con respecto aos anteriores xulgados, pasando de 20.500 metros cadrados a case 44.000, sinalou. Finalizado o traslado, a Cidade da Xustiza acollerá 40 unidades xudiciais mais Fiscalía e servizos comúns. Nela traballarán máis de 500 traballadores que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas a prol da conciliación familiar e laboral.

 

Data de actualización: 23/02/2023