Na súa visita, esta mañá, a empresa Piedras Rabal S.L. no concello de Oímbra

Gabriel Alén lembra as axudas da Consellería do Medio Rural para proxectos de investimento en actividades non agrícolas

O delegado territorial recordou que o prazo de solicitude das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural está aberto ata o 28 de febreiro

Na provincia de Ourense resultaron beneficiarias 11 empresas que recibiron un total de preto de 310.000 €

Ourense, 23 de febreiro de 2023 O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, lembrou que ata o 28 de febreiro está aberto o prazo de solicitude das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, tal como recolle o Diario Oficial de Galicia do 30 de xaneiro. Este presuposto conta cun orzamento deste ano de 3,4 millóns de euros e está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

 

O delegado territorial, acompañado da alcaldesa, Ana Villarino, fixo este recordatorio na súa visita ás instalacións da empresa Piedras Rabal S.L. no concello de Oímbra; unha das entidades beneficiarias desta mesma orde de axudas na edición de 2022 con 61.987 euros.

Na provincia de Ourense resultaron beneficiarias 11 empresas que recibiron un total de preto de 310.000 euros.

 

Gabriel Alén explicou que o obxectivo desta convocatoria é dobre. Por unha banda, a Xunta reserva 2,65 millóns de euros do investimento a apoiar a adquisición de bens e equipamentos para empresas xa existentes que desenvolvan actividades non agrícolas no territorio rural galego co gallo de contribuír á súa mellora, ampliación e/ou modernización.

 

Mentres tanto, os 750.000 euros restantes destínanse á posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas en aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras, nunha decidida aposta por consolidar e impulsar os instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

 
Deste xeito, poderán beneficiarse destas axudas as microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e construídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2022 e aquelas persoas físicas que residan nunha zona rural e estean suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomas, tamén con anterioridade ao 1 de setembro do ano pasado. Tamén poderán acceder ás achegas titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023