A empresa porriñesa Quobis internacionaliza a súa propia plataforma de comunicación co apoio da Xunta de Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa, unha das 30 pemes que participaron na primeira edición da aceleradora de internacionalización da innovación Galicia Avanza da Administración galega e Tecnópole

Ata o 28 de febreiro está aberta a convocatoria da nova edición desta iniciativa que ofrece ás pemes que resulten seleccionadas un programa integral de apoio á internacionalización

O obxectivo é que solucións innovadoras de calquera sector acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor prazo posible

O Porriño (Pontevedra), 23 de febreiro de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa TIC porriñesa Quobis, que ofrece desde 2006 servizos de consultoría de redes a operadores de telecomunicacións e grandes empresas. O obxectivo da visita era constatar os avances na internacionalización dun dos seus produtos innovadores co apoio da aceleradora Galicia Avanza, posta en marcha pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)— e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) no ano 2022.

En concreto, Quobis recibiu apoio para incrementar a presenza internacional da súa plataforma Quobis Communication Platform en países de Latinoamérica como México e Colombia. Trátase dunha plataforma que comezou a desenvolver en 2013 baseada en tecnoloxía WebRTC (comunicacións web en tempo real), sendo a primeira firma en lanzar un servidor de aplicacións a partir desta tecnoloxía, que permite a operadoras e grandes empresas (como entidades bancarias) soportar multitude de casos personalizados, achegando capacidades multimedia de última xeración ás redes de voz existentes. Ao longo destes anos converteuse en partner de referencia para operadores como Vodafone, Telefónica ou BT. Esta capacidade de usar indistintamente diferentes servizos de comunicación en tempo real, como videoconferencia, mensaxería instantánea, voz IP ou PSTN fai posible, por exemplo, a identificación de usuarios para apertura de contas bancarias en remoto, a atención a clientes por videoconferencia, peritaxe remota ou comunicacións para traballadores, entre outras.

 

Convocatoria aberta da segunda edición da aceleradora

Actualmente está aberta a segunda edición de Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 28 de febreiro a través da páxina web https://www.tecnopole.es/galiciaavanza/.

O obxectivo do programa de aceleración, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional ademais de abrirse a novos mercados ou acceder a novos segmentos de clientes. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, acceso a novos segmentos de clientes, avance na senda da innovación ou incremento da atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.

Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior. Ademais, como novidade nesta edición incentivarase a participación de empresas que non teñan axudas previas da Axencia Galega de Innovación (Gain) e de Tecnópole e a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal.

 

Galicia Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de aceleración entre abril de 2023 e xaneiro de 2024 con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización, asesoramento e capacitación e formación comercial e técnica ao longo do programa.

 

Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios, a empresa levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento deles. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de mentores expertos en diferentes materias e recibirán formación transversal en temáticas relacionadas coas necesidades detectadas nos diagnósticos.

 

Na primeira edición deste programa, recibíronse 42 solicitudes de participación das que foron seleccionadas 30 de sectores moi diversos como o turismo, o alimentario, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía, o TIC, a automoción ou o aeroespacial. Entre os datos de balance da primeira edición detectáronse 100 necesidades nas 30 diagnoses realizadas; 64 provedores contratados; 18.617€ de gasto medio por empresa beneficiaria na contratación de provedores; e un 67% das necesidades contratadas corresponden a prospeccións de mercado, rexistro de marca e marketing.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023