A Xunta promove a doazón de equipos informáticos para a inclusión dixital das persoas maiores

A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal), recibe 31 equipos no marco do Programa de Voluntariado Dixital, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Estas dotacións irán destinadas a reforzar a formación dixital que se está a ofrecer nos centros formativos de Ategal da Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago e Ourense
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022.-

A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos recibiu hoxe unha doazón de 31 equipos informáticos que se destinarán á inclusión dixital das persoas maiores, no marco do Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.

 

Os equipos foron doados pola consultora multinacional NTT Data, que participa como mecenas dixital no programa VOLDIX.

 

Esta doazón contribúe á consecución dun dos obxectivos básicos do Programa VOLDIX que suma esforzos para favorecer a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos en risco de exclusión dixital. Neste caso concreto, a doazón realizada permitirá á Asociación Ategal dispor do equipamento necesario para poder continuar e impulsar a formación de persoas maiores poñendo foco no eido da alfabetización e capacitación dixital a través das aulas de A Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago e Ourense.

 

Esta colaboración entre ambas entidades persegue incorporar os coñecementos nas tecnoloxías da relación, a información e a comunicación mellorando a accesibilidade da poboación, especialmente das persoas maiores, ás TRIC e a súa aplicación na vida cotiá promovendo a divulgación dos servizos e beneficios da Sociedade da Información.

 

VOLDIX une a cidadanía e entidades para non deixar a ninguén atrás

O programa VOLDIX enlaza e interrelaciona o esforzo e as necesidades dos máis de 980 aliados cos que conta na actualidade. Entre estes aliados figuran entidades colaboradoras como Ategal e os mecenas dixitais —entre os que se inclúe a consultora NTT Data.

 

No seno desta colaboración, NTT Data ten realizado diferentes doazóns de equipamento a entidades colaboradoras que así o solicitaron.

 

No seu papel de aliado dixital tamén realizou actividades formativas orientadas a varias temáticas como a busca de emprego, novos perfís profesionais, administración electrónica, e-Saúde, charlas con expertos e obradoiros creación de videoxogos, drons, seguridade nas redes, robótica, realidade virtual etc.

 

Estas son algunhas das moitas formas de colaboración deste ecosistema dixital formado por persoas voluntarias, organizacións e entidades públicas e privadas que traballan para consolidar a capacitación dixital entre toda a cidadanía.

 

Todas estas iniciativas contribúen a acadar o obxectivo de reforzar a oferta de formación dixital gratuíta para mellorar as competencias dixitais no conxunto da sociedade galega e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais que persegue a Estratexia Galicia Dixital 2030.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023