A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou as actuacións desenvolvidas para a eliminación de especies invasoras na ZEC Betanzos-Mandeo

A Xunta ultima un plan de acción con recomendacións que completará os traballos desenvolvidos en Galicia para erradicar a herba da pampa

Ángeles Vázquez lembra que o Goberno galego colabora co proxecto Life+ Stop Cortaderia, cuxo obxectivo fundamental é a posta en marcha dunha estratexia común e transnacional de loita contra esta especie exótica invasora en todo o Arco Atlántico

Bergondo (A Coruña), 22 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia está a ultimar un plan de acción con recomendacións que completará os traballos desenvolvidos en Galicia para erradicar a Cortaderia Selloane, coñecida como herba da pampa.

 

Durante unha visita ás actuacións desenvolvidas para a eliminación de especies invasoras exóticas na Zona de Especial Conservación (ZEC) Betanzos-Mandeo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez explicou que ese documento, que na actualidade está en fase de revisión técnica, incluirá directrices para loitar contra estes plumeiros, que teñen un importante impacto medioambiental e socioeconómico sobre o entorno no que se localiza, ademais de repercutir na saúde humana co incremento de casos de alerxias respiratorias.

 

De feito, a conselleira lembrou que a Xunta colabora co proxecto Life+ Stop Cortaderia, que ten como obxectivo fundamental a posta en marcha dunha estratexia común e transnacional de loita contra esta especie exótica invasora en todo o Arco Atlántico. Así, inclúe accións como o ensaio de novas metodoloxías no control e xestión desta especie en áreas de alta densidade e labores para sensibilizar á poboación sobre os plumeiros e o seus efectos prexudiciais.

 

Cómpre lembrar que nos últimos anos, e tendo en conta a ameaza que supón esta especie da familia das gramíneas para a biodiversidade galega, a Xunta impulsou diferentes actuacións para tratar de poñerlle coto, como a elaboración da cartografía de detalle da distribución e estimación da abundancia da especie en zonas costeiras da rede de espazos protexidos e as súas áreas limítrofes, ou o deseño e desenvolvemento de actuacións de control e erradicación.

 
A maiores, o Goberno galego está a traballar coa Universidade da Coruña na preparación dun convenio para a aplicación práctica dunha nova tecnoloxía capaz de empregar como sistema de control biolóxico un parasito desta planta —concretamente, o insecto spanolepis selloanae—.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2023