A Xunta financia a adquisición dunha furgoneta eléctrica para os servizos municipais do Concello de Portas cunha achega de case 30.000€ do Fondo de Compensación Ambiental

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde, Ricardo Martínez, presentaron esta mañá o novo vehículo de cero emisións que atenderá aos departamentos de Obras, Servizos e Medio Ambiente


“O Concello de Portas leva anos apostando pola optimización enerxética e a aplicación de tecnoloxías respectuosas co medio ambiente na súa atención aos veciños e por iso adoita beneficiarse destas axudas da Xunta con case 500.000€ nos últimos anos”, sinalou Luis López


A Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ten aberto o prazo de solicitude do FCA a prol dos concellos, mancomunidades e consorcios ata o vindeiro 27 de febreiro cunha partida de máis de 11 M€
 

Portas, 22 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de financiar a adquisición dunha furgoneta eléctrica para os servizos municipais do Concello de Portas cunha achega de case 30.000 euros ao abeiro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) correspondente ao 2022.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, acompañados doutros representantes do goberno local, presentaron esta mañá este novo vehículo de cero emisións que atenderá as necesidades dos departamentos de Obras, Servizos e Medio Ambiente e que supuxo un investimento de preto de 35.000 euros.

“O Concello de Portas leva anos apostando pola optimización enerxética e a implantación de tecnoloxías eficientes e respectuosas co medio ambiente na súa atención aos veciños, xa que quere prestar uns servizos municipais da máxima calidade ao tempo que reduce as súas emisións e por todo iso adoita beneficiarse destas axudas da Xunta de Galicia”, sinalou o representante autonómico, que revelou que o Goberno galego vai outorgarlle tamén 146.718 euros a este municipio ao abeiro do Fondo de Cooperación Local (FCL).

Cómpre sinalar que, ao abeiro das ordes de achegas da Dirección Xeral de Administración Local, o Concello de Portas recibiu case 500.000 euros nos últimos anos e moitas destas axudas orientáronse á posta en marcha de servizos municipais máis eficientes, xa que no exercicio anterior financiou co Fondo de Compensación Ambiental a colocación de instalacións fotovoltaicas para surtir de enerxía aos edificios municipais da contorna da Casa do Concello na rúa Rapeira.

Por outra banda, Luis López destacou o “forte compromiso” da Xunta cos concellos na protección e mellora do medio natural a través do citado Fondo de Compensación Ambiental, dotado na convocatoria deste ano 2023 con máis de 11 millóns de euros e ao que xa se poden acoller as entidades locais interesadas. Esta orde de axudas está dirixida a concellos, mancomunidades e consorcios locais para subvencionar accións como campañas divulgativas, melloras de eficiencia enerxética, integracións paisaxísticas ou proxectos para evitar a degradación ambiental, entre outras. O prazo da convocatoria aínda permanece aberto ata o 27 de febreiro.

A esta iniciativa súmase a orde para a creación e mellora de infraestruturas vinculadas aos servizos municipais, dotada con 3,5 millóns de euros e cuxa convocatoria quedou pechada hai uns días.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2023