A Xunta ofrece colaboración ao Goberno central para a posta en marcha da AESIA

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participa nunha xornada sobre a 'Actualización da Axenda España Dixital 2026' no Instituto Nacional de Administración Pública
 

Galicia reivindica a súa aposta pola especialización tecnolóxica na xestión intelixente, ética e responsable do dato
 

O esforzo para a transformación tecnolóxica de Galicia da última década permitiu avanzar na universalización da Administración, da sanidade, da xustiza e da educación dixital
 

Madrid, 22 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia tende a man ao Goberno central na posta en marcha da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), e considera que as Administracións autonómicas deben participar activamente nos órganos de goberno da Axencia, que terá a súa sede na Coruña, segundo destacou hoxe a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo.

Bobillo formulou esta proposta ante o director xeral de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Salvador Estevan. Ambos participaron esta mañá nunha xornada sobre a “actualización da Axenda España Dixital 2026: avances e novos eixos” organizada por Socinfo Digital no Instituto Nacional de Administración Pública.
 
A responsable de Planificación da Axencia galega resaltou a importancia do desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e fiable nas Comunidades autónomas en aspectos que son da súa competencia, como a Administración dixital, a educación, a sanidade ou o fomento das competencias dixitais da cidadanía.
 
Neste sentido, fixo un repaso polos avances da dixitalización de Galicia na última década, que permitiron que tanto a Administración, como a sanidade, a educación ou a xustiza en Galicia acadaran ou estean a punto de acadar a universalización dos seus servizos.
 
María Bobillo destacou, entre os retos de Xunta cara ao futuro, a especialización tecnolóxica da Comunidade, eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030. Esta especialización implica o desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías disruptivas, entre elas a intelixencia artificial ou a xestión intelixente do dato. De aí a importancia de participar activamente na primeira experiencia europea de posta en marcha dunha axencia estatal para a súa supervisión.
 
A aposta de Galicia pola intelixencia artificial reflíctese en aspectos como o de ser unha das tres primeiras Comunidades autónomas de España en dispoñer dunha estratexia propia de IA.
 
María Bobillo destacou tamén o papel do Nodo GalicIA na configuración dunha candidatura sólida para acoller a AESIA, que foi o resultado dun mandato que a Xunta recibiu do Parlamento de Galicia para postular á nosa Comunidade.
 
Na xornada que hoxe tivo lugar en Madrid tamén participaron o director xeral do Insitituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), Félix A. Barrio; o director do sector de Administracións Públicas de Ibermática an Ayesa, Alejandro Rodríguez e o vicerreitor de Estratexia e Universidade Dixital da Universidade de Murcia, Pedro M. Ruiz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2023