A Xunta e FENITEL presentan as axudas para mellorar as infraestruturas de telecomunicacións en edificios

A Cidade da Cultura acolleu hoxe unha xornada informativa sobre o Plan Renove ICT, dotado con 4 M€
 

Subvencionarase ata o 70 % dos gastos derivados da mellora das infraestruturas de telecomunicación en edificios
 

Esta é unha das iniciativas postas en marcha pola Xunta de Galicia no marco do compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE para a mellora da conectividade
 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración coa Federación Nacional de Instaladores e Integradores de Telecomunicaciones (FENITEL), organizaron hoxe unha xornada para presentar o Plan Renove ICT, posto en marcha pola Xunta de Galicia.

Esta xornada contou coa participación de asociacións e profesionais interesados nestas axudas (enxeñeiros, arquitectos, instaladores e administradores de fincas), para divulgar estas medidas ás que poden optar as comunidades de propietarios, principais beneficiarios das mesmas. Galicia conta con máis de 20.000 edificios que poderían optar a estas axudas.
 

Esta iniciativa busca eliminar as barreiras para a prestación de servizos avanzados no fogar e incorporar ICT adaptadas ás novas redes ultrarrápidas, especialmente nos edificios de maior antigüidade. O plan está dirixido a edificios ou conxuntos de edificios suxeitos ao réxime de propiedade horizontal que estiveran concluídos antes do 1 de xaneiro de 2000, antes da entrada en vigor do Real Decreto 279/1999 de 22 de febreiro.

O Plan Renove ICT conta cun orzamento de 4 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.
 
A liña de axudas sufraga ata o 70 % dos investimentos e gastos necesarios para presentar os proxectos subvencionables, o que inclúe a elaboración do proxecto, dirección de obra e certificación final, memorias e informes técnicos; ademais de todos os traballos vinculados á empresa instaladora. Se contemplan tres liñas de actuación, en función do equipamento a instalar, instalación completa, parcial ou adaptada exclusivamente á banda larga ultrarrápida.
 

Está previsto que se publique a convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia nas próximas semanas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2023