A Xunta inviste preto de 47.000 euros en accións de prevención de incendios forestais nos concellos de Porto do Son e Ribeira

As actuacións de prevención lévanse a cabo nos montes das parroquias de Noal, no concello de Porto do Son; e Carreira e Oleiros, no concello de Ribeira.

Os traballos consisten fundamentalmente na creación e mantemento de áreas cortalumes e faixas auxiliares, ademais de na execución de tratamentos silvícolas
 

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023

A Consellería do Medio Rural está executando traballos preventivos dentro do Distrito forestal IV-Barbanza, que consisten fundamentalmente na creación e mantemento de áreas cortalumes e faixas auxiliares, ademais de na execución de tratamentos silvícolas. As actuacións, que contan cun investimento de preto de 47.000 euros, lévanse a cabo nos montes das parroquias de Noal, no concello de Porto do Son; e Carreira e Oleiros, no concello de Ribeira. 

Deste xeito, a creación e mantemento de áreas cortalumes e faixas auxiliares permitirá facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción de incendios. Así mesmo, a execución de tratamentos silvícolas busca crear descontinuidades da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal na zona e protexer os principais valores naturais existentes nela. 

A suma das accións en hectáreas ascende a máis de 16, das cales 8,81 hectáreas son de creación e mantemento de áreas cortalumes e faixas auxiliares. O resto das zonas de actuación dedícanse a tratamentos silvícolas como rareos ou podas tanto altas como baixas. 

Estes traballos enmárcanse dentro do Plan preventivo en vigor que contempla un investimento de 33,1 millóns de euros para poder actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación.

 

Data de actualización: 21/02/2023