Fernández-Tapias destaca a reactivación do Casco Vello de Vigo tras a apertura de novos negocios grazas a adxudicación de locais por concurso público

A delegada da Xunta en Vigo visitou este martes aos novos emprendedores que xa abriron as súas portas no barrio historico da cidade
 

 “A pesar do bloqueo municipal á rehabilitación do Casco Vello e a novas vivendas de protección, logramos dinamizar a zona”, afirmou Fernández-Tapias
 

Denuncia cinco proxectos en marcha e outros nove planificados, cun investimento total de 3 millóns de euros, están paralizados pola negativa do Concello
 

Vigo, 21 de febreiro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello, Marta Fernández-Tapias, visitou este martes aos novos emprendedores que xa abriron os seus negocios con actividades comerciais e culturais no barrio histórico da cidade.

A representante autonómica destacou a reactivación da zona grazas ao concurso público que logrou adxudicar 20 locais. O proceso aberto polo organismo autónomo pechouse o pasado ano e a maioría dos adxudicatarios, entre eles artesanos, autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais, xa comezaraon a súa actividade no Casco Vello vigués.
 

Fernández-Tapias visitou este martes a Fundación Dante Alighieri, dous novos estudos de arquitectura en Ferrería e San Sebastián, un centro de ioga e dúas empresas do sector audiovisual. Ademais, existen novas ofertas comerciais cun local de artesanía téxtil, unha academia de cómic, outra de inglés e un establecemento de artesanía cerámica.

Bloqueo municipal

A delegada lembrou que o Goberno municipal xa bloqueara hai dous anos a iniciativa da Xunta para un novo proxecto cultural con emprendedores e que a día de hoxe ten paralizado o orzamento e o plan de investimentos do Consorcio Casco Vello. “A xestión do Consorcio continúa adiante e logramos dinamizar a zona a pesar da negativa do Concello á rehabilitación do Casco Vello ”, recalcou.

Así, lembrou que actualmente existen cinco proxectos en diferentes fases de execución que están paralizados e outras nove edificacións que xa estaban planificadas para o seu inicio e que actualmente están paralizadas por falta de orzamento. “Non podemos investir 3 millóns de euros destinados a vivenda protexida e a actividade comercial e cultural pola negativa ás partidas”, apuntou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2023