A Policía Autonómica esclarece un incendio forestal na Peroxa (Ourense)

O lume afectou 0,47 hectáreas e foi provocado por un escape dunha queima sen as debidas medidas de seguridade

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Ourense acaban de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado xoves, 16 de febreiro, no concello ourensán da Peroxa. O lume produciuse no lugar de Barra, da parroquia de Graíces e afectou 0,47 hectáreas, das que 0,32 hectáreas foron de monte raso e as 0,15 restantes de superficie arborada.

A investigación puxo de manifesto que se tratou dun incendio provocado por un escape dunha queima sen as debidas medidas de seguridade. Como resultado, tomóuselle declaración a un varón de 70 anos de idade como presunto autor do lume.

Nos traballos de extinción participaron un axente, unha brigada e unha motobomba.

A Policía Autonómica remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución, en funcións e de Garda, número 1 de Ourense.

Trátase da primeira persoa investigada pola Policía Autonómica na actual campaña como presunta autora de incendios forestais.

Data de actualización: 21/02/2023