A Xunta reclama ao Ministerio os 40,6 M€ pendentes dos fondos europeos en materia de vivenda de 2022 e comunica que Galicia cumpriu os obxectivos marcados

As 7 liñas de subvencións convocadas na comunidade para financiar actuacións de rehabilitación no eido residencial acadaron unha execución de case o 90%

Concedéronse axudas para intervir sobre 14.585 vivendas por importe de 77,5 M€

O Instituto Galego da Vivenda e Solo tamén solicita a segunda transferencia das contías para a construción de vivendas enerxeticamente eficientes para alugueiro, unha vez que os fondos recibidos xa están comprometidos na súa totalidade

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia comunicou esta semana ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o cumprimento dos obxectivos previstos para 2022 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, polo que solicita o pago á comunidade dos 40,6 millóns de euros pendentes dos fondos europeos en materia de vivenda de 2022 e destinados a financiar as axudas convocadas.

O plan prevía que os fondos correspondentes ao ano pasado serían transferidos ás comunidades autónomas en tres pagos. O primeiro chegaría a mediados de ano, outro cando xustificasen ter convocado as axudas e o último cando as comunidades acreditasen ter cumprido os obxectivos establecidos en canto a número de vivendas para as que se concedeu a subvención.

Os dous primeiros pagamentos xa foron recibidos pola Xunta e o terceiro é o que se solicita agora, por importe de 40,6 millóns de euros, unha vez que as vivendas beneficiadas en Galicia polas axudas convocadas superan amplamente os mínimos establecidos no plan.

Cómpre subliñar que o Plan de recuperación, transformación e resiliencia finánciase exclusivamente con fondos procedentes da Unión Europea e das comunidades autónomas, sen ningunha achega do Goberno de España.

No seu conxunto, o plan estará financiado no caso de Galicia con 206 millóns de euros procedentes da UE e máis de 90 achegados pola Xunta de Galicia, uns fondos que supoñen o 30% do total.

Execución de preto do 90%

A Xunta xa resolveu as convocatorias de 7 programas de axudas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia acadando unha porcentaxe de execución dos fondos previstos de case un 90% —en concreto, do 88,16%—. Os fondos remanentes incorporaranse ás convocatorias de 2023.

Dous dos programas executáronse ao 100%, outros tres remataron por riba do 90% e un deles acadou o 86%. A liña cunha menor execución foi a de actuacións a nivel de vivenda debido a que a demanda destas axudas foi inferior á prevista. En todo caso, no programa de vivenda concedéronse todas as solicitudes que cumprían os requisitos.

En total concedéronse axudas para 14.585 vivendas, por un importe de 77.591.338,02 euros. No seguinte cadro indícanse os datos de cada un dos 7 programas, co número de vivendas beneficiadas e o importe concedido.

 
AXUDAS CONCEDIDAS
PROGRAMA
NÚMERO VIVENDAS
IMPORTE €

Programa de axuda á rehabilitación a nivel de barrio

4.718

32.643.994,39

Programa de apoio ás oficinas de rehabilitación

*
1.366.562,79
Programa de axudas ás actuacións a nivel de edificio
2.541
21.577.887,26

Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas

1.154
2.716.902,40

Programa de axuda á elaboración do libro do edificio e a redacción de proxectos de rehabilitación

3.159
1.180.474,29

Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes (PREE)

2.928
14.559.707,07

Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico (PREE 5000)

85
 3.546.097,43
TOTAL
14.585
77.591.338,02

*O programa de apoio ás oficinas de rehabilitación non se cuantifica en número de vivendas

Construción de vivendas para alugueiro

Por outra parte, o IGVS tamén xestiona o programa de construción de vivendas enerxeticamente eficientes para alugueiro, que se executa a través da construción de vivendas públicas por parte do propio organismo autonómico e dunha liña específica de axudas para que promotores públicos e privados tamén poidan construír vivendas destinadas a alugueiro social en solo público.

Para este programa estaban previstas dúas transferencias a Galicia de 29,22 millóns de euros. A primeira xa foi recibida pola Xunta e está integramente comprometida a través da convocatoria de subvencións para concellos e empresas privadas publicada no DOG o pasado 7 de febreiro, cun orzamento inicial de 8,4 millóns de euros, e dos convenios asinados entre o IGVS e o Ministerio en 2022 para o cofinanciamento da construción de 499 vivendas de promoción pública nas cidades por parte da Xunta.

Neste último caso, o Goberno autonómico achegará o 65% do custo total estimado das vivendas e o 35% restante será financiado con fondos europeos procedentes do programa Next Generation UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2023