A Xunta destaca o novo récord de exportacións das empresas pontevedresas, tras medrar un 8,3 % e superar os 13.000 M€ en 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións de La Fábrica de Nikis, empresa especializada en merchandising e deseño gráfico que ten promovido diferentes accións de internacionalización grazas ao Galicia Exporta Dixital
 

Subliña que este programa, que abrirá unha nova convocatoria en vindeiras datas, permitiu ata o de agora impulsar na provincia preto de 220 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos por importe de máis de 9 M€
 

O Grove (Pontevedra), 21 de febreiro de 2023 O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de La Fábrica de Nikis, no concello do Grove, empresa especializada en merchandising e deseño gráfico que ten impulsado no último ano diferentes accións encamiñadas á internacionalización grazas ao programa da Xunta Galicia Exporta Dixital.

“La Fábrica de Nikis é un bo exemplo da colaboración co tecido empresarial que permite ás empresas galegas reforzar a súa aposta pola internacionalización na procura de novos mercados”, salientou Guldrís, que puxo en valor as últimas cifras de exportacións, tanto no conxunto de Galicia como na provincia de Pontevedra.
 
Neste sentido, salientou, a boa marcha das vendas ao exterior na provincia de Pontevedra, cuxas exportacións medraron un 8,3 % no último ano ata superar a barreira dos 13.000 millóns, o que fai desta a oitava provincia máis exportadora no conxunto de España. Guldrís destacou que Pontevedra resulta clave na evolución das vendas ao exterior de Galicia, que acadaron o último ano un novo récord rozando os 30.000 millóns de euros, o que se supón un incremento do 18,3 % con respecto ao 2021. Así mesmo, apuntou, as empresas exportadoras regulares están a medrar tamén tanto na Comunidade como en Pontevedra, onde acadan as 1.558, un 4,2% más que no anterior exercicio.
 
Neste marco, Guldrís puxo en valor “o compromiso das pemes galegas na procura de novos mercados” e a importancia da cooperación público-privada para seguir a mellorar estas cifras. Un esforzo conxunto que se materializa en iniciativas como o Galicia Exporta Dixital, que permitiu a La Fábrica de Nikis realizar un diagnóstico de internacionalización ou avanzar nun plan de mercado electrónico concreto, e que abrirá en próximas semanas unha nova convocatoria.
 
O obxectivo do Galicia Exporta Dixital, salientou Guldrís, é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización, e actívase para dar resposta á demanda crecente das empresas galegas para acometer os seus procesos de dixitalización internacional.
 
Este programa ten permitido ata o de agora impulsar preto de 420 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de máis de 17,5 M€. E só na provincia de Pontevedra, a liña ten promovido case 220 plans de internacionalización cunha mobilización superior as 9 millóns.
 
O programa, expuxo Guldrís, compleméntase coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, e enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, unha folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados. Para seguir contribuíndo a estas cifras, a Xunta destinará máis de 20 millóns de euros en 2023 a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2023