O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse na Estrada con produtores de sidra, aceite e froitos vermellos

A Xunta aposta por dinamizar o sector primario da Estrada por medio das axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios, que contan cun orzamento de 30 M de euros

José Balseiros explicou que os produtores da localidade poden acollerse a esta orde de axudas, cuxa convocatoria segue aberta, para a construción dun centro de transformación comarcal que lle dea valor engadido ás súas producións

Precisamente, as achegas buscan incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios

O fin último destas axudas é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes

A Estrada (Pontevedra), 20 de febreiro de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado polo alcalde da Estrada, José López, reuniuse hoxe na localidade con produtores de sidra, aceite e froitos vermellos interesados na construción dun centro de transformación comarcal que aporte valor engadido ás súas producións. Así, durante a xuntanza, o director explicou que poden acollerse ás axudas da Xunta de transformación e comercialización de produtos agrarios, cuxa convocatoria está aberta e conta cun orzamento de 30 millóns de euros, para levar a cabo o proxecto.

 

José Balseiros indicou que a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. Deste xeito, no caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistirán en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

 

Estas achegas teñen carácter plurianual, co fin de facilitar a execución dos proxectos de maior investimento. Así, dos 30 millóns de euros de presuposto total, 12 millóns están consignados para o exercicio do 2023, para o 2024 a cantidade reservada é de 14 millóns de euros e para o 2025 a contía ascende aos 4 millóns de euros, aclarou o director xeral.

 

Por outra banda, José Balseiros explicou que poden beneficiarse destas achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos. O fin último é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes.

 

Ademais, afirmou que, ao igual que na pasada convocatoria, apoiaranse as asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común. Así, concederáselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2023