A Xunta congrega hoxe na Berlinale máis de 200 profesionais internacionais nun evento para promover o audiovisual galego

Esta noite terá lugar o acto especial ‘Cebrating Galician Berlinale’, ao que está prevista a asistencia de distribuidoras, axentes de venda e prensa especializada

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, que acompaña á nosa delegación artística e empresarial en Berlín, referírese á presenza de Galicia como “a mellor oportunidade” para seguir fortalecendo “un sector clave na economía”

Ademais, a Xunta préstalle apoio á participación de empresas galegas no European Film Market cunha zona de encontro e de reunións profesionais dunha quincena de empresas galegas baixo a marca conxunta ‘Films from Galicia’

A estreas mundiais en lingua galega de ‘Matria’ e ‘Sica’ e ‘Samsara’ foron recibidas con moito éxito e moi boas sensacións por parte dos equipos dos filmes desprazados

Berlín (Alemaña), 20 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia congregará esta noite a máis de 200 profesionais internacionais no evento especial Celebrating Galician Cinema, unha cita arredor do noso audiovisual e baixo a marca Films from Galicia, ao que está prevista a asistencia distintos representantes de festivais, crítica especializada e empresas de distribución internacional.

O audiovisual galego segue así a cumprir as expectativas da súa destacada participación na actual Berlinale, o Festival Internacional de Cine de Berlín, onde por primeira vez na súa historia ten presenza tripla no programa de exhibición coas estreas das producións Matria, de Álvaro Gago, Sica, de Carla Subirana, ambas en versión orixinal galega, así como de Samsara, a nova longametraxe de Lois Patiño, ademais da actividade xerada pola quincena de produtoras galegas acreditadas no European Film Market, a área de negocio profesional que se desenvolve en paralelo ao certame.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que acompaña á nosa delegación artística e empresarial en Berlín, mantivo hoxe un encontro para valorar os primeiros resultados desta misión comercial. Nesta xuntanza, Sutil felicitou de novo os responsables dos filmes estreados na fin de semana, que recibiron ovacións e fortes aplausos por parte do público especializado. Tamén puxo en valor que sexan con produción ou dirección galega tres das catro longametraxes españolas seleccionadas pola actual edición da Berlinale, así como que dúas delas teñan a súa premier mundial no marco desta mostra de cinema en versión orixinal en galego.

 

O responsable de Industrias Culturais cualificou o momento que está a vivir o audiovisual galego e, máis concretamente, a participación na Berlinale como “a mellor oportunidade para seguir fortalecendo un sector clave da nosa economía e da nosa cultura”. Neste sentido, a posta en marcha do Hub Audiovisual en 2021 permitiu contar cunha ferramenta de dinamización para o sector que avanzou na recuperación tralos efectos da pandemia, medibles en termos de produtividade. Deste xeito, o investimento sen precedentes de 9,6M€ xerou un efecto tractor que beneficiou as empresas secundarias do sector e que supuxo un retorno económico entre directo e indirecto de máis de 33M€. A estratexia de internacionalización do audiovisual galego entronca ademais cos eixos que vertebran o novo Plan Xeración Cultura que acaba de poñer en marcha o Goberno galego cun investimento de 34 M€ e 57 accións concretas.

A Xunta de Galicia, que apoiou as producións de Matria e de Sica, préstalle tamén apoio á asistencia dos equipos dos filmes en Berlín e pon a disposición de todos os representantes empresariais galegos desprazados un espazo de reunións diferenciado baixo a marca común Films from Galicia no mercado asociado ao festival, aberto no Martin-Gropius-Bau. Os membros da Asociación Galega de produtoras Independentes (Agapi), Televisión de Galicia, Big Rights, Cinemar Films, Cósmica Producións, eFILM, Filmika Galaika, Frida Films, Indígena Films, L'Atalante Cinema, Matriuska, Miramemira, Portocabo, Sétima Cinema ou Sun Lúa participan nel con cadansúa carteira de proxectos na procura de acordos de coprodución, vendas e distribución internacional.

Pegada galega en 16 proxeccións

Ao remate do festival, Sica, Matria e Samsara, que estrea hoxe mesmo, terán realizado un total de 16 proxeccións en distintas seccións e sedes da Berlinale, e diante de milleiros de espectadores. Ademais, o evento que se celebrará esta noite organizado pola Xunta de Galicia enmárcase baixo a marca Films from Galicia, que é tamén o título do catálogo que a Axencia Galega das Industrias Culturais publica cada ano para a difusión internacional da máis recente produción galega de cinema e televisión e que estrea en Berlín a súa nova edición de 2023.

 

Esta publicación, accesible en liña e tamén editada en formato físico, ofrecese unha completa panorámica da actualidade do noso audiovisual, poñendo en valor a calidade e variedade da oferta galega, así como contribuír a difundir a nosa Comunidade como escenario de rodaxe.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2023