A Xunta destina 17,2 M€ ás explotacións agrogandeiras de Lugo para impulsar a súa modernización e o relevo xeracional

Aprobáronse 464 achegas o pasado ano, máis da metade para a ampliación ou reforma das instalacións, compra de terreos e maquinaria, e outras melloras

O delegado territorial, Javier Arias, lembra que está aberta unha nova convocatoria do programa e as solicitudes poden presentarse ata o vindeiro día 27
 

Lugo, 20 de febreiro de 2023.-

A Consellería do Medio Rural aprobou no 2022achegas por importe total de 17,2 millóns de euros entre as explotacións agrogandeiras da provincia de Lugo para impulsar a súa modernización e o relevo xeracional.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou de que ata o 27 de febreiro está aberta a convocatoria deste ano para as tres liñas de axudas do programa, que financia a realización de novos investimentos, o desenvolvemento de pequenas explotacións e a incorporación de persoas mozas, podendo obter apoios por varios conceptos.

Arias realizou estas declaracións hoxe durante unha visita a Casa Palacio, unha das explotacións beneficiadas na última convocatoria, situada na parroquia de San Miguel de Neira de Rei de Baralla.

En concreto, o pasado ano aprobáronse 464 expedientes na provincia, e máis da metade foron para cofinanciar investimentos materiais ou inmateriais co obxectivo de mellorar o rendemento global, a competitividade ou a viabilidade das explotacións. Así, neste apartado o Goberno galego achegou 9,5 millóns de euros a 240 beneficiarios que declararon un orzamento apoiado total de 24,8 millóns; empleáronse na compra de maquinaria, terreos ou programas informáticos, ou na ampliación, reforma ou construción de instalacións, entre outros.

Máis de 6,7 millóns de euros foron destinados a 153 persoas de entre 18 e 40 anos que se estableceron por primeira vez como titulares de explotacións agrarias, unha medida para incentivar a fixación de xente nova no rural apoiando os investimentos necesarios no inicio da súa andaina profesional. Por último, máis de 1 millón de euros distribuíronse entre 71 pequenas explotacións da provincia.

 

Importante peso na provincia

O delegado subliñou que estas axudas figuran entre as máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios, e teñen un peso especial no rural lucense, mellorando a estrutura produtiva das explotacións para que sexan máis competitivas e procurando o rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector.

Arias explicou que a convocatoria do 2023 conta cun orzamento de 38,8 millóns de euros, un 3,5% máis que a anterior; dese total, 20,5 millóns irán destinados a plans de mellora, 16,5 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 1,8 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Ademais, ao igual que na pasada convocatoria, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal. A liña de incorporación de mozos está integramente financiada co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI), mentres que as outras dúas liñas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2023