Lorenzana pon en valor en Pontevedra o programa Responsabilízate de apoio e asesoramento ás empresas para impulsar a responsabilidade social

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe Krack Zapaterías que participa na iniciativa da Xunta

Destacou a aposta autonómica polo benestar laboral “determinante” para captar e reter talento nas empresas

As axudas autonómicas para impulsar a igualdade laboral, a conciliación e a Responsabilidade Social Empresarial poden solicitarse ata o 10 de marzo

Pontevedra, 20 de febreiro de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe en Pontevedra as características do programa autonómico Responsabilízate para asesorar de xeito gratuíto a aquelas empresas que se están iniciando na promoción da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e que apostan polos fundamentos ASG (ambientais, sociais e de goberno corporativo).

Nunha visita que fixo a Krack Zapaterías, que participa nesta actuación, a conselleira explicou que esta iniciativa forma parte da aposta que está a facer a Xunta de Galicia por impulsar no tecido empresarial galego o benestar laboral, un concepto que se inclúe na futura Lei autonómica de igualdade, xa que é “determinante” para captar e reter talento, segundo subliñou Lorenzana.

Sinalou que existen diferentes formas de fomentar o benestar laboral nunha empresa e puxo como exemplo a Krack Zapaterías que conta con espazos de traballo seguros e saudables e potencia o teletraballo e a promoción interna do seu persoal traballador. Lorenzana apuntou, ademais, a importancia da formación en materia de igualdade recordando, ao respecto, que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en impartir formación en liña e igualdade laboral coa creación, no ano 2021, dun campus virtual de formación en igualdade laboral e relacións laborais.

Para impulsar tamén o benestar laboral, a Xunta ofrece ás empresas axudas para fomentar a igualdade laboral, a conciliación e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE), que poden solicitarse aínda, ata o próximo 10 de marzo. Este programa de apoios conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros coa estimación de poder beneficiar a unhas 250 empresas galegas este ano.

Para rematar, a conselleira referiuse a valores como a innovación, o dinamismo e a flexibilidade para incrementar a competitividade empresarial e a igualdade de oportunidades e destacou tamén as oportunidades laborais que ofrece na actualidade o mercado de traballo que conta, tal e como recordou Lorenzana, con vacantes en diferentes sectores. “Animo ás persoas que buscan un traballo que acudan ás oficinas de emprego, onde contan con formación axeitada aos sectores con vacantes”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2023