A Xunta destina preto de 23 M€ a case 300 beneficiarios para mellorar a sostibilidade económica e ambiental do sector agrario galego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións destas axudas convocadas o ano pasado para os investimentos en sistemas de xestión de estercos en gandaría, a transformación integral e modernización de invernadoiros, os investimentos en eficiencia enerxética e a aplicación de agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0

Estas achegas están enmarcadas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia e están financiadas conFondos Next Generation
 

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2023.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións da Consellería do Medio Rural cos beneficiarios das axudas aos investimentos en sistemas de xestión de estercos en gandaría, á transformación integral e modernización de invernadoiros, aos investimentos en eficiencia enerxética e enerxías renovables e á aplicación de agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0 no sector agrícola, convocadas o ano pasado.

 

Deste xeito, un total de 279 explotacións agrarias e gandeiras beneficiáronse destas achegas e recibiron un importe de preto de 23 millóns de euros. Cabe sinalar que estas axudas foron concibidas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e están financiadas cos Fondos Next Generation.

 

Catro liñas de axudas diferenciadas

Esta convocatoria está estruturada en catro liñas de axuda, todas elas co fin común de mellorar a sostibilidade económica e ambiental. A primeira dedícase á mellora da xestión de estercos nas explotacións gandeiras dende o punto de vista medioambiental coa redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, das achegas de nitratos agrarios dos acuíferos ou da contaminación das fontes e ríos pola escorredura de xurros. Mentres, a liña dedicada aos invernadoiros financia investimentos para a transformación integral e modernización dos invernadoiros existentes, co obxectivo de mellorar a competitividade e a sostibilidade dos cultivos de invernadoiro.

 

A terceira liña está dedicada á mellora da eficiencia enerxética e aos investimentos en enerxías renovables para mellorar a súa sostibilidade, mediante a redución do consumo de enerxía allea nas explotacións agrarias. Por último, a cuarta liña resérvase para os investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria.

 
 
 
 

Enlace ás resolucións no DOG:

 

Liña 1. Xestión de estercos: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230220/AnuncioG0426-090223-0004_gl.html

 

Liña 2. Invernadoiros:

 

Liña 3. Eficiencia enerxética:

 

Liña 4. Agricultura de precisión: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230220/AnuncioG0426-090223-0002_gl.html

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2023