O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración deste novo equipamento deportivo

Rueda destaca que a nova pista de atletismo de Ifevi contribuirá a que o deporte galego siga sumando éxitos

Salienta que as pistas contribúen a facer historia para o atletismo vigués e aporta unha nova ferramenta á época de ouro do atletismo galego

Subliña que esta nova inversión confirma a aposta decidida do Goberno galego polo Instituto Feiral de Vigo e pola diversificación da súa oferta
 

Vigo, 20 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a nova pista de atletismo do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) contribuirá a que o deporte galego en xeral, e o de Vigo en particular, siga sumando éxitos. O titular do Goberno galego participou hoxe na inauguración deste novo equipamento deportivo, un acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. 

Alfonso Rueda destacou que, coa apertura deste módulo de atletismo, a cidade suma unha nova instalación deportiva de primeiro nivel que dará servizo a un milleiro de atletas que poderán adestrar nas instalacións ao longo de todo o ano, polo que contribuirá a “facer historia” para esta modalidade deportiva tan arraigada na cidade.  

O presidente da Xunta subliñou a tradición do atletismo na cidade olívica, onde naceu hai pouco máis de cen anos a Federación Galega de Atletismo. Esta modalidade deportiva, ademais, está a vivir unha época dourada en Galicia con máis de 10.000 licenzas e 28 atletas galegos olímpicos, o que facilitou que nos últimos Xogos unha deportista galega, Ana Peleteiro, acadara a primeira medalla olímpica do atletismo galego. Alfonso Rueda falou do “orgullo” que representaban para todos os galegos os éxitos duns deportistas que “cada vez deixan máis alto o nome de Galicia”.  

A Xunta investiu máis de 350.000 euros nesta nova infraestrutura deportiva o que, tal e como recordou o presidente, confirma a aposta polo recinto feiral vigués e pola súa actividade. Xa no ano 2018 o Goberno galego investiu 4 millóns na ampliación do recinto, no que o ano pasado se inauguraba o pavillón 5, cunha inversión de 8,3 millóns. Agora, nese mesmo pavillón ábrese ao atletismo unha nova pista que non só beneficiará os deportistas, senón tamén á propia actividade do Ifevi coa diversificación da súa oferta.  

Alfonso Rueda indicou que esta obra demostra que a actividade feiral -que é e seguirá sendo a prioridade do Ifevi- pode ser compatible con outros usos, como xa quedara patente no recinto de Ourense, no que se construíu unha pista de atletismo cuberta, ou no rocódromo de Lugo.  

Alfonso Rueda amosouse seguro de que as instalacións que hoxe inauguraron en Vigo un grupo de rapaces cunha exhibición deportiva van ser testemuñas de moitos éxitos máis para o deporte galego, particularmente para o atletismo vigués.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2023