A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou recentemente as instalacións pertencentes á rede pública autonómica

A Xunta destina 282.000 € en mellorar o centro sociocomunitario da Pobra do Caramiñal

Permitiu a substitución das carpinterías exteriores, do lucernario central e a instalación de protección nas ventás, entre outras reparacións

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 20 de febreiro de 2023 A Xunta destinou 282.000 euros en mellorar o centro sociocomunitario público autonómico da Pobra do Caramiñal. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou recentemente as instalacións onde puido comprobar o resultado das actuacións levadas a cabo durante os últimos meses.

En concreto, estas obras de mellora supuxeron a substitución de carpinterías exteriores, do lucernario central e a instalación de protección nas ventás, entre outras reparacións. A conselleira destacou que o obxectivo destas obras é garantir unha mellor calidade ao servizo, e que as persoas usuarias poidan seguir desfrutando das actividades que nel se realizan.

Fabiola García visitou tamén a residencia de maiores pública autonómica da Pobra do Caramiñal, na que o Goberno galego acaba de investir 500.000 euros para a renovación da fachada e para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións, así como a comodidade dos usuarios.

Máis servizos no Barbanza

O Goberno galego segue mellorando os servizos de atención a maiores por toda a Comunidade. Así, na comarca do Barbanza a Xunta ampliou recentemente as prazas públicas no centro de día da Pobra; continúase coa construción dunha nova residencia pública autonómica en Ribeira; o pasado ano inaugurouse o Punto de Encontro Familiar do Barbanza; e hai unhas semanas renovouse o financiamento da unidade de atención temperá, que lle dá servizo ás familias da Pobra, Ribeira e Boiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2023