A Xunta destina preto de catro millóns de euros para lograr que as investigacións galegas cheguen ao tecido produtivo

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou Libera Bio, unha spin-off da Universidade de Santiago xurdida grazas á iniciativa Ignicia Transferencia de Coñecemento

O programa naceu en 2016, promovido pola Xunta de Galicia coa Fundación Barrié, para converter a investigación en solucións de mercado

A cuarta convocatoria Ignicia ten aberto o prazo de solicitudes ata o próximo 28 de febreiro
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2023.-

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou a empresa Libera Bio, unha spin-off da Universidade de Santiago xurdida grazas ao apoio, na súa primeira convocatoria de 2016, do Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, desenvolvido pola Xunta de Galicia e a Fundación Barrié para transferir os resultados da investigación xerada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo, de xeito que se valorice o investimento en ciencia, xerando tamén impacto na sociedade.

Patricia Argerey sinalou a importante actividade que está a desenvolver esta empresa no eido da industria biofarmacéutica, co obxectivo de contribuír á curación e mellora da calidade de vida dos pacientes con cancro. Tamén destacou que a tecnoloxía que está detrás desta spin-off foi validada técnica e comercialmente a través do Programa Ignicia que naceu en 2016 como unha iniciativa pioneira en España para converter as investigacións galegas en solucións de mercado. “Ignicia contribúe a facer rendible, económica e socialmente, o investimento público que se realiza no eido da investigación”, resaltou. Neste sentido, tamén recordou que permanece aberto o prazo para presentar proxectos de investigación á cuarta convocatoria de Ignicia ata o día 28 de febreiro, á que se destinan preto de catro millóns de euros.

Desde a súa posta en marcha en 2016, o programa apoiou 23 proxectos, dos que 12 teñen acadado o éxito comercial coa creación de nove empresas tecnolóxicas ou startups e tres licenzas. Estas startups empregan máis de 100 profesionais de alta cualificación.

 
 
 

Libera Bio: mellorando o tratamento do cancro

Libera Bio está centrada en desenvolver unha nova xeración de nanomedicamentos de precisión, baseados nunha tecnoloxía patentada, a MPN Technology®, co fin de mellorar o tratamento do cancro. O seu primeiro candidato terapéutico diríxese a unha fracción de pacientes para os que non existen tratamentos efectivos e que representa máis de 120.000 pacientes ao ano só en Europa e Estados Unidos. A spin-off está actualmente establecendo acordos de colaboración con empresas farmacéuticas e biofarmacéuticas para explotar a versatilidade da súa tecnoloxía e maximizar a oportunidade de achegar novas solucións terapéuticas en oncoloxía.

 

Libera Bio recibiu numerosos recoñecementos na súa traxectoria, como o Johnson & Johnson Innovation JLabs, o Premio Innovatia 8.3 ao Mellor Proxecto Empresarial de base tecnolóxica, o Premio Bioga á Mellor Idea Empresarial Biotech, Premio Salisbury 2021 á Investigación Traslacional da Fundación Nacional para a Investigación do Cancro de EE.UU, entre outros. En xullo de 2022 finalizaron a súa primeira rolda de investimento semente por 1,3M€ e recentemente resultou beneficiaria da altamente competitiva convocatoria Neotec 2022 do CDTI, quedando entre os 20 mellores proxectos entre máis de 450 empresas presentadas a nivel nacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2023