A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou recentemente os dous centros que hai en funcionamento en Castrelo de Miño acompañada do alcalde, Avelino Pazos

A Xunta consolida as Casas do Maior como modelo de coidados de proximidade no rural

Nos últimos anos creáronse 520 prazas de atención diúrna a través dos máis de 100 centros repartidos por toda a comunidade

Castrelo de Miño (Ourense), 18 de febreiro de 2023.-

A Xunta consolidou nos últimos anos as casas do maior como modelo de coidados de proximidade no rural. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou recentemente os dous centros que hai en funcionamento en Castrelo de Miño, acompañada do alcalde desta localidade, Avelino Pazos, onde destacou que desde o ano 2018 estes servizos permitiron crear 520 pazas de atención diúrna por toda Galicia.

 

A conselleira apuntou que con estes centros o Goberno galego leva atención diúrna gratuíta, oito horas ao día aos concellos menos poboados de Galicia onde non existen este tipo de servizos. O seu éxito nos últimos anos permitiu seguir incrementando o seu número ata chegar ás máis de 100 casas do maior que existen nestes momentos repartidas por toda a xeografía galega.

 

A Xunta ofrece unha ampla rede de servizos de proximidade para que as persoas maiores poidan seguir vivindo nas súas casas. Exemplo diso é o Servizo de Axuda no Fogar, que leva coidados profesionais aos fogares dos maiores; o programa Xantar na casa, que ofrece menús semanais, sans e equilibrados ás persoas maiores ou dependentes que viven soas; ou o servizo de teleasistencia, que pon a tecnoloxía a disposición das persoas maiores para recibir atención con tan só pulsar un botón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2023