A Xunta recoñece o labor dos produtores de grelos da Terra Chá na 17ª da Expogrelo de Abadín

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o delegado territorial da Xunta en Lugo asistiron ao evento, onde puxeron en valor a Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia e animaron aos produtores da zona a apostar por este selo


Máis dunha decena de produtores participan nunha feira que combina a venda de grelos e outros produtos locais con música e artesanía
 

Abadín (Lugo), 18 de febreiro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na feira Expogrelo de Abadín para recoñecer o labor dos produtores de grelos da comarca da Terra Chá. O director da devandita Axencia entregou os premios do certame anual de cestas de grelos da edición número 17 desta feira.

 

Neste encontro, que se celebra dende o ano 2006, participan máis dunha decena de produtores de grelos. A feira combina a venda deste produto tradicional galego con postos de artesanía, música e demais produtos locais.  José Luis Cabarcos e Javier Arias coincidiron en poñer en valor a calidade dos grelos desta comarca e animaron aos produtores e comercializadores, tanto en fresco como en conserva ou conxelado, a que se inscriban no selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelos de Galicia.

 

Esta indicación xeográfica xerou en 2021 un valor económico estimado de 722.500 euros e comercializou máis de 364 toneladas de produto certificado. Cabe sinalar que o produto amparado pola IXP é a parte vexetativa destinada ao consumo humano procedente de plantas da especia Bassica rapa. L. var. Rapa comunmente coñecida como nabo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2023