A Xunta prevé adquirir dous inmobles no conxunto histórico de Ourense para rehabilitar e destinalos a vivenda social

O Instituto Galego da Vivenda e Solo chegou a acordos cos propietarios para pechar as operacións de compra venda por un importe global de máis de 367.000 euros

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), prevé adquirir este ano dous novos inmobles no conxunto histórico de Ourense no marco do programa Rexurbe, co fin de rehabilitalos e destinar as vivendas resultantes a alugueiro social.

Unha vez rematada a tramitación das propostas que se presentaron na última oferta pública de adquisición convocada pola Xunta en 2022, o organismo autonómico chegou a un acordo cos propietarios de dous inmobles, que se prevé adquirir por un importe global de 367.628,44 euros.

Concretamente, as edificacións que o organismo autonómico ten previsto comprar no centro histórico ourensán están emprazadas nos números 8 e 16 da rúa Colón.

Ademais, estes dous inmobles sumaranse aos 5 que xa adquiriu nos últimos anos o IGVS no conxunto histórico ourensán, dous dos cales xa están rehabilitados despois de que a Xunta realizara neles un investimento de preto de 900.000 euros.

Cómpre lembrar que o programa Rexurbe foi convocado por primeira vez pola Xunta no ano 2018 co obxectivo de actuar de forma directa en conxuntos históricos degradados a través da compra de inmobles para rehabilitar, obter vivendas de promoción pública e destinalas despois a alugueiro a prezos accesibles.

Data de actualización: 18/02/2023