A Xunta prevé adquirir este ano 5 inmobles en Ferrol Vello para rehabilitar e destinalos a vivenda social

O IGVS chegou a acordos cos propietarios para comprar estes edificios por un importe global de máis de 425.000 euros, aínda que haberá que resolver certos detalles e trámites pendentes antes de poder formalizar as operacións de compra venda

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), prevé adquirir este ano cinco novos inmobles en Ferrol Vello no marco do programa Rexurbe, co fin de rehabilitalos e destinar as vivendas resultantes a alugueiro social.

Unha vez rematada a tramitación das propostas que se presentaron na última oferta pública de adquisición convocada pola Xunta en 2022, o IGVS chegou a un acordo cos propietarios dos cinco inmobles, que se prevé adquirir por un importe total de 425.317,12 euros. Antes de formalizar a operación, en todo caso, é necesario que os propietarios levanten as cargas que pesan sobre dous deles.

Concretamente, os inmobles que o organismo autonómico prevé adquirir na cidade de Ferrol están emprazados nos números 27, 30, 32, 36 e 38 da rúa San Francisco e no número 5 da rúa Mártires.

Estes inmobles sumaranse aos 19 que xa adquiriu o IGVS en Ferrol Vello, 1 dos cales xa está rehabilitado, 6 con obras licitadas e o resto, con licencia municipal solicitada ou en redacción do proxecto construtivo. O investimento previsto para rehabilitar os 19 inmobles que xa son propiedade da Xunta supera os 10 millóns de euros, aos que haberá que sumar os fondos necesarios para recuperar as novas adquisicións.

Cómpre lembrar que Ferrol é o municipio galego no que a Xunta adquiriu máis edificios e solares ao abeiro do programa Rexurbe, convocado por primeira vez no ano 2018 co obxectivo de actuar de forma directa en conxuntos históricos degradados a través da compra de inmobles para rehabilitar, obter vivendas de promoción pública e destinalas despois a alugueiro a prezos accesibles.

Data de actualización: 18/02/2023