A Xunta e a Fundación Rosalía de Castro conmemoran o 186 aniversario da autora cunha ampla programación

O secretario xeral de Política Lingüística e o presidente da Fundación Rosalía presentan as iniciativas que organizan ambas as institucións
 

Os actos oficiais terán lugar en Santiago e Padrón, con música dos alumnos da Escola Municipal de Santiago, dos Carapaus e de Belém Tajes


A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, os centros escolares e os Centros de Estudos Galegos da Xunta implícanse con diferentes actividades divulgativas e materiais didácticos

 

Padrón (A Coruña), 17 de febreiro de 2023 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, presentaron esta mañá a programación que a Xunta de Galicia e a propia fundación organiza co gallo do aniversario da autora de Follas Novas o 23 de febreiro.

 

O representante do Goberno galego valorou o feito de que cada vez “máis centros educativos, institucións, colectivos e cidadáns se suman ao Día de Rosalía, unha xornada que é tamén unha celebración da nosa xente, da muller como referente, da nosa cultura, da nosa paisaxe, da nosa lingua... cuxa nobreza cantou e reivindicou Rosalía de Castro”.

 

No acto, que tivo lugar na Casa da Matanza, sede da Fundación Rosalía de Castro, tamén participaron o deputado de Cultura, Xurxo Couto; a concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso, e o cociñeiro do asador O’Pazo, Óscar Vidal, entre outros. Ademais, anunciouse o lanzamento dunha nova aplicación que permitirá desde hoxe visitar de forma virtual a Casa de Rosalía tendo por guía un avatar en tres dimensións de Maruxa Villanueva, a actriz galega que durante 30 anos coidou do que fora o fogar da poeta.

 

Lecturas, alborada e Caldo de Gloria

Como cada ano, os actos oficiais estarán repartidos entre Santiago e Padrón, lugares de nacemento e pasamento da homenaxeada, respectivamente. A celebración comezará ás 10,00 h coa lectura de poemas por parte do alumnado do Instituto Camilo José Cela diante da Estatua de Rosalía, en Padrón. De aí, os festexos trasladaranse a Santiago, onde ás 11,00h haberá alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía hai 186 anos.

 

O acto central do día terá lugar ás 12,00 h no Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro, onde se realizará unha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, que tocarán acompañados de Estela Pereira e Lía Ferrer, alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago.

 

Xa pola tarde, a Casa de Rosalía volverá acoller a sétima edición do Caldo de Gloria da man de Óscar Vidal, chef do asador O’Pazo, que ofrecerá a súa versión da famosa receita de Rosalía aos presentes. Paralelamente, tamén se tomará o Caldo de Gloria nas outras dúas lareiras do Rexurdimento: na Casa-Museo de Curros Enríquez, en Celanova, e na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso.

 

Ademais, ao Caldo de Gloria xa se sumaron máis de 200 hostaleiros e máis de 70 comedores escolares, así como concellos e empresas de toda a xeografía galega. Para iso, a Xunta, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, repartiu 46.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa, Miña casiña, meu lar, no que a poeta explica como facer un caldo humilde.

 

O broche final a un día de celebracións poñerao a cantante e compositora Belém Tajes cunha actuación no auditorio da Casa-Museo ás 20,00 h.

 

Programación nas bibliotecas e nos centros escolares

O Goberno galego tamén conmemora durante todo este mes o nacemento da súa autora máis loada a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, dos Centros de Estudos Galegos ou dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros escolares mediante a programación de actividades de divulgación -como faladoiros, obradoiros ou contacontos, entre outras- e materiais didácticos que poden consultarse no Portal da Lingua Galega.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/02/2023