A Xunta sufragará o funcionamento das asociacións do traballo autónomo con ata 97.000 euros

A Administración autonómica mantén aberto o prazo de solicitude ata o 24 de febreiro para que estas entidades opten tamén aos apoios para a contratación de persoal

Destinarase a esta liña un orzamento total de 320.000 euros
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberta a convocatoria de axudas para financiar o mantemento das entidades asociativas máis representativas do traballo autónomo en Galicia con apoios que poden chegar aos 65.000 euros para gastos de funcionamento e 32.108 para o persoal de apoio.

O prazo de solicitude desta orde permanecerá aberto ata o próximo 24 de febreiro. Poden optar ás achegas as entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial cuxo ámbito de actuación comprenda a comunidade galega. Como requisito, deberán ter personalidade xurídica propia e independente, ter domicilio social en Galicia e estar inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia na data da convocatoria.

Para os efectos deste programa, enténdese por “entidade asociativa máis representativa” aquela que conte con membros en, polo menos, dous destes sectores económicos:  agricultura e pesca, industria, construción e servizos.

A Administración autonómica contribúe con esta liña a sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades, así como a contratación ou a prórroga da persoa de perfil técnico que realiza as funcións de asesoría e apoio directo ao colectivo.

En canto á primeira liña, sufragaranse ata os 65.000 euros de límite os gastos de funcionamento tales como os de persoal, arrendamento de locais, seguros, servizos profesionais independentes, publicidade, material de oficina ou custos da subministracións eléctricas, de telefonía, de gas, de auga, de limpeza dos locais ou de aloxamento e mantemento da web, entre outros.

A liña 2, cun límite da achega situado nos 32.108 euros, complementario do anterior, subvencionarase a contratación laboral ou prórroga da contratación dunha persoa que realice funcións de asesoría e apoio ás persoas autónomas integradas nas entidades asociativas, durante como moito un ano, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023.  

A Xunta mantén firme o seu compromiso co traballo autónomo como motor da creación de emprego e riqueza na comunidade. O fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación deste colectivo que conta na comunidade con máis de 213.000 persoas afiliadas ao réxime especial do emprego autónomo e do mar.

Data de actualización: 19/02/2023