A Xunta reforza os equipos de emerxencias municipais fronte ás nevaradas con coitelas quitaneve

O director xeral de Emerxencias e Interior e o delegado territorial da Xunta en Lugo participaron na entrega das dotacións, que suman un investimento de 55.660€

Os municipios beneficiarios foron Chantada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baltar, Esgos, Laza, A Pobra de Trives e A Porqueira

Forman parte da liña de axudas dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, dotada con 1M€

Chantada (Lugo), 17 de febreiro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega de coitelas quitaneve aos concellos lugueses de Chantada, A Pontenova e Ribeira de Piquín, e aos ourensáns de Esgos, Laza, A Pobra de Trives e A Porqueira. O conxunto das dotacións representa un investimento de 55.660 euros, 6.957 euros cada unidade.

 

O equipamento forma parte da liña de axudas de 2022 dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), dotada con 1M€ euros. Coas de hoxe, o número de coitelas entregadas ascende a máis de 50, ás que se suman 10 cuñas. Na cesión destes equipamentos teñen prioridade os as entidades locais cunha altitude media superior aos 800 metros segundo o establecido no Plan de protección civil ante o risco de nevadas en Galicia (NEGA).

 

Segundo explicou o director xeral, as coitelas cedidas permiten un desaloxo eficaz da neve e poden ser instaladas en diferentes vehículos pick up grazas aos seus bastidores específicos de montaxe. Dotadas de rascadeiras de aceiro de alta resistencia á abrasión, a estrutura da máquina está deseñada para proporcionar a máxima resistencia e asegurar unha repartición adecuada dos esforzos ao ancho de toda a superficie da folla quitaneves.

 

Co acto de hoxe continúase coa entrega do material enmarcado na convocatoria do pasado ano, que beneficiou un total de 122 concellos -36 na Coruña, 24 na de Lugo, 52 na de Ourense e 19 na de Pontevedra- mais a Mancomunidade Terra de Celanova. Entre o material cedido figuran, ademais das coitelas quitaneves, oito remolques, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, oito vehículos todoterreo, 20 esparexedores de sal, 11 embarcacións pneumáticas duns catro metros de eslora e 105 desfibriladores externos.

 

Compromiso cos servizos de emerxencias municipais

Santiago Villanueva incidiu no compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos, pese a tratarse dunha competencia municipal no caso das localidades de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación.

 

Ademais apuntou que este apoio se mantén nos orzamentos de 2023, nos que se destina novamente 1 millón de euros á dotación do equipamento necesario. Esta contía súmase ao investimento histórico de 24 millóns de euros nos últimos anos, dos que 15 millóns foron para equipar as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e a contía restante os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). A maiores, as AVPC recibiron ao longo destes anos 4 millóns de euros para custos de funcionamento.

 

Entre o material cedido aos concellos, tanto para agrupacións de Protección Civil como GES, inclúense 208 vehículos todoterreo, 187 remolques de emerxencias, 123 tendas de campaña de emerxencias, 98 esparexedores de sal, 70 embarcacións, 65 furgóns de emerxencias e 23 de servizos varios, 34 equipos de excarceración, 43 coitelas quitaneves, 21 motobombas, 4 UTV e 212 equipos de protección individual contra a vespa velutina. No caso concreto das AVPC destacan 182 vehículos tipo pick-up e 170 remolques de emerxencias xunto con material específico para facer fronte ás emerxencias nos concellos de montaña onde son frecuentes nevaradas e nos costeiros ou con encoros.

 

O director xeral sinalou a importancia de que os servizos de emerxencia municipais conten co mellor equipamento para o desenvolvemento do seu labor a prol da prevención e da seguridade da cidadanía. Referiuse tamén á necesidade de facilitarlles a preparación precisa para desenvolvelo, para o que contan tamén co apoio da Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), centro de referencia para a formación neste eido.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/02/2023