O avance nas obras da VAC Tui-A Guarda entre os enlaces da autovía A-55 e Areas fará necesario un corte de tráfico nocturno entre o xoves e o venres desta semana

O corte, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55, comezará ás 10 da noite do xoves 23 e rematará ás 6 da mañá do venres 24

O obxectivo é a montaxe das vigas metálicas do paso superior en forma de glorieta sobre a autovía, para dar servizo aos ramais da mesma, ao tronco da VAC e á conexión coa N-551

Como itinerario alternativo, desde a saída 29, sentido Portugal, usarase a estrada PO-340, incorporándose á N-550 e logo á N-551, discorrendo polo termo municipal de Tui; sendo o mesmo percorrido en sentido O Porriño, pero á inversa

A Xunta progresa na execución da VAC Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a mediados deste 2023, tras un investimento de 21 M€
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2023

O avance na execución das obras do treito da VAC Tui-A Guarda entre os enlaces da autovía A-55 e de Areas fará necesario un corte de tráfico nocturno, entre o xoves e o venres desta semana entrante. 

Esta afección ao tráfico, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55, levarase a cabo desde as 22:00 horas do xoves 23 e ata as 06:00 horas do venres 24, cando quedará restablecida a circulación. 

O obxectivo é proceder á montaxe das vigas metálicas do paso superior en forma de glorieta sobre a autovía, para poder dar servizo aos ramais da autovía, ao tronco da VAC e á conexión coa estrada N-551. 

Para a realización destes traballos en condicións de seguridade e minimizar ao máximo posible a afección ao tráfico, cómpre o corte total de ambas as calzadas da autovía. 

Co obxectivo de poder dar servizo a ambos os sentidos de circulación polo itinerario alternativo, desde a saída 29, sentido Portugal, usarase a estrada autonómica PO-340, incorporándose á N-550 e posteriormente á N-551, discorrendo polo termo municipal de Tui; sendo o mesmo percorrido en sentido Porriño, pero á inversa. Este itinerario implica un tempo de percorrido de entre 8 e 10 minutos. 

A Xunta segue a avanzar nos traballos de execución da VAC Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a mediados deste mesmo ano, tras un investimento autonómico de 21 M€.

 

Data de actualización: 19/02/2023