A Xunta reforza desde o día 23 os servizos de autobús de Fisterra a Camariñas para atender aos alumnos de Muxía que estudan bacharelato e FP en Cee

Na liña que vai de Fisterra a Camariñas habilítase un servizo ás 14,15 horas para a saída do mediodía e créase unha nova expedición de volta os luns pola tarde ás 18,15 horas

Aténdese a petición municipal e das familias dos alumnos de ensinanzas non obrigatorias, ofrecendo servizos que saian de Cee en horarios próximos ao remate das clases nos institutos
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2023

A Xunta reforzará desde o próximo xoves, día 23 de febreiro, os servizos de autobús entre Fisterra e Camariñas para facilitar, principalmente, os desprazamentos dos alumnos de Muxía que estudan bacharelato e FP nos institutos IES Agra de Raíces e IES Fernando Blanco, en Cee. 

Na liña entre Fisterra e Camariñas, na que os estudantes de Muxía contaban xa cun servizo á primeira hora da mañá que lles permite chegar ás clases nos institutos de Cee, habilítanse dous servizos de volta para o regreso ao remate das xornadas lectivas da mañá e da tarde. 

Así, á saída do mediodía contarán cun autobús que partirá desde Fisterra ás 14,15 horas e terá parada en Cee ás 14,30 horas, continuando cara a Muxía e Camariñas. Ademais, o luns pola tarde créase unha nova expedición con saída ás 18,15 horas de Fisterra que pasará por Cee ás 18,30 horas. 

Con estas melloras no servizo, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende as peticións trasladadas polas familias do alumnado de ensinanzas non obrigatorias que estuda en Cee e polo Concello, ofrecendo servizos de volta en horarios próximos ao remate das clases. 

Nestes servizos, como en todo o transporte público da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, mentres que o resto de usuarios poden beneficiarse dos descontos da tarxeta de mobilidade de Galicia (TMG). Actualmente, máis de 420 mozos e mozas de Cee e Muxía viaxan gratis por toda Galicia nos autobuses da Xunta coa tarxeta Xente Nova. 

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

 

Data de actualización: 18/02/2023