A Xunta reorganizará unha superficie de 813 hectáreas en Abadín, a través da concentración parcelaria de Moncelos
Este proceso decretado en setembro do pasado ano beneficiará 630 veciños e permitirá ampliar a base territorial das 29 explotacións da zona, cun orzamento previsto de case 2,5 millóns de euros
Entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse 28 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan máis de 22.800 ha distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares
Entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 25 parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas e beneficiaron preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade
Unha das zonas rematadas foi a parcelaria de Fanoi, tamén no municipio de Abadín, que reorganizou 656 hectáreas propiedade duns 250 veciños e conseguiu cuadruplicar a superficie media das parcelas finais
O conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, xunto co alcalde de Abadín, José María López, mantiveron hoxe unha reunión cos veciños da parroquia de Moncelos para presentarlles a nova concentración parcelaria decretada nesta zona, en setembro do ano pasado. Así, este proceso permitirá reorganizar a estrutura territorial de 813 hectáreas de superficie, beneficiando 630 titulares e cun orzamento previsto de 2,5 millóns de euros.
Por iso, o obxectivo da Xunta é seguir decretando novas zonas de concentración parcelaria onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. Para iso, a Consellería ten orzamentados 17 millóns de euros en 2023 para tal fin.
Lei de recuperación
Ademais, xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.