A delegada territorial, Martina Aneiros, supervisou os traballos que se están a acometer na zona do peirao eumés

A Xunta prevé finalizar no verán as obras de mellora do saneamento de Pontedeume ás que destina un investimento de 4,2 M€

Finalizadas as obras do colector, os traballos actuais céntranse na construción do tanque de tormentas, concretamente nos muros interiores da infraestrutura hidráulica
 

Esta actuación correspóndese coa 1ª fase de melloras nos sistemas de depuración na ría de Pontedeume, que se completan con dúas obras en Cabanas e buscan eliminar os vertidos contaminantes, cun investimento total de 8,4 M€


A Xunta consignou para estas obras 2,87 M€ nos Orzamentos deste ano, 400.000 euros para a fase de Pontedeume e 2,47 M€ para as fases II e III, no municipio de Cabanas
 

Pontedeume (A Coruña), 17 de febreiro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do tenente de alcalde de Pontedeume, José Simoes, e o xefe territorial da consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Álvarez, supervisou esta mañá as obras de mellora do saneamento de Pontedeume que, tras retomarse o pasado mes de novembro, avanzan a bo ritmo.

Os traballos, que contan cun investimento de 4,2 M€ e que se prevé que estean concluídos en verán, correspóndense coa 1ª fase de mellora nos sistemas de depuración da ría de Pontedeume, con actuacións neste municipio e en Cabanas.

Tal e como lembrou Aneiros durante a visita na que estivo acompañada por técnicos da UTE que se fai cargo da intervención, o obxectivo das obras é o de optimizar o funcionamento do sistema de tratamento de augas residuais que comparten estes municipios e no que se inclúe a construción do novo colector, tanque de retención e bombeo.

“O Goberno galego apoia con estas obras aos Concellos para que exerzan en mellores condicións as súas competencias municipais de saneamento e depuración das augas e no caso concreto de Pontedeume, contribúe tamén a reducir as infiltracións de auga de mar e de augas brancas que chegan á depuradora”, sinalou a representante da Xunta.

As obras que se están a executar en Pontedeume inclúen a construción dun novo colector interceptor, máis adaptado ás necesidades actuais de saneamento, que xa está executado, e dun tanque de tormentas, onde actualmente se centran os traballos. Concretamente estanse a construír os muros interiores desta infraestrutura hidráulica.

Ademais estase a avanzar no baipás e os pilotes do tanque de retención previsto, que permitirá regular a entrada de caudais á depuradora de Centroña, así como evitar vertido. Prevese tamén un colector de alivio deste tanque e unha cámara de bombeo das augas ata a estación de depuración.

O saneamento da ría de Pontedeume completarase coa renovación do colector interceptor do núcleo de Cabanas, no que a Xunta investirá 1,4 M€ e coas obras de construción dun tanque de retención e impulsión en Cabanas, ás que se destinarán case 2,9 M€.

Aneiros lembrou os 2,87 M€ consignados nos Orzamentos da Xunta de 2023 para as obras de saneamento do estuario do Eume, 400.000 euros para esta 1ª fase en Pontedeume, e 2,47 M€ para as fases II e III, no municipio de Cabanas, aos que se suman os 620.000 euros de investimento previstos para 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/02/2023