A Xunta agarda incorporar 283 persoas a cooperativas e sociedades laborais coa nova edición do programa ‘Aprol Economía Social’ en prazo ata o 15 de setembro

A convocatoria conta con 4,3 M€ de orzamento, un 13 % máis que en 2022

A achega básica para a contratación de persoas en desemprego ou para que emprenda no sector ascende a 6.000 euros

As contías incrementaranse no caso de que as beneficiarias sexan mulleres, persoas con discapacidade, residentes no rural, maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberta ata o 15 de setembro a nova convocatoria das axudas Aprol Economía Social con apoios ao emprego en cooperativas e sociedades laborais, grazas aos que se espera beneficiar a 136 entidades e incorporar 283 persoas socias.

Esta liña conta con 4,3 millóns de euros de orzamento, un 13 % máis que a convocatoria do ano anterior, para fomentar o emprendemento e o emprego na economía social, impulsar o autoemprego neste sector e fixar man de obra produtiva no territorio.

O programa conta con dúas liñas compatibles entre si: unha primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas; e unha segunda, para beneficiar a quen entre como socia ou cun contrato indefinido a unha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia.

A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25 % de concorrer circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como ser muller ou maior de 45 anos, algunha discapacidade, persoas emigrantes retornadas ou residir en contornas rurais, entre outras. Como novidade este ano a orde incorpora ese 25% extra tamén no caso de cooperativas de nova creación que conten con 4 ou máis socios. A Xunta de Galicia prevé así incentivos máximos de ata 19.500 euros de acumularse algunha destas variables para ambas as dúas liñas.

Desde o ano 2017, a Xunta investiu máis de 22,6 millóns de euros nesta iniciativa, o que permitiu a incorporación de máis de 5.700 persoas a cooperativas e sociedades laborais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/02/2023