Galicia e Madrid intercambian experiencias en políticas de impulso ao emprendemento e á economía social para xerar máis e mellor emprego de calidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha reunión con representantes dos gobernos autonómicos e municipais de Madrid

Coñeceu o espazo de encontro E-Social Hub ubicado na capital e aberto a toda a economía social, onde se facilita o acceso ao emprendemento colectivo

Puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e de apoio ao emprego que se está a despregar por toda Galicia, con cinco oficinas xa operativas nas que se ofrece un asesoramento personalizado e permanente a 166 persoas emprendedoras

Madrid, 16 de febreiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro en Madrid con diversos representantes dos gobernos autonómicos e municipais da capital para intercambiar experiencias e coñecementos nos eidos de emprendemento e de economía social co reto de xerar “máis e mellor emprego de calidade”.

Lorenzana tivo a oportunidade de visitar as instalacións do E-Social Hub de Madrid e de reunirse co viceconselleiro de Economía, Manuel Llamas; o director xeral de autónomos da comunidade madrileña, Alberto González; o concelleiro e delegado da área de Innovación e Emprendemento do Concello, Ángel Niño; o xerente da Agrupación de Sociedades Laborais de Madrid (Asalma), Julián Menéndez; e o director de E-Social Hub, José Antonio Fernández.

No encontro, a conselleira expuxo as políticas de impulso ao emprendemento e da economía social que está a desenvolver a Xunta de Galicia na actualidade. Así, salientou a Dirección Xeral específica de Emprendemento e Apoio ao Emprego que se creou recentemente para unificar todos os recursos e axudas nesta materia; e destacou a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que se está a despregar por toda a xeografía galega para asesorar ás persoas emprendedoras en todas as fases do proxecto, desde o inicio ao fin.

En total, a Rede estará conformada por 12 polos, dos que xa están operativos cinco e nos que se ofrece un asesoramento personalizado e permanente a 166 persoas emprendedoras, axudándolles a desenvolver 141 proxectos empresariais mediante a realización de máis de 530 sesións de titorización, emprendendo en sectores como a agricultura, turismo, servizos sanitarios e sociais ou xestión de residuos. É, en definitiva unha rede “coordinada e unificada” que conta con titores expertos de primeiro nivel para garantir que as persoas interesadas sexan capaces de emprender en condicións de seguridade, favorecendo que os seus negocios se consoliden co paso do tempo.

A Xunta está a investir nesta iniciativa, que inclúe tamén axudas económicas, 9,2 millóns de euros este ano para impulsar e apoiar as iniciativas emprendedoras que xurdan en Galicia e fixar empresas no territorio, así como reter e atraer talento. Cando remate este ano, Galicia disporá de 12 polos en funcionamento repartidos nas catro provincias: 3 na Coruña, 4 en Lugo, 2 en Pontevedra e 3 en Ourense.

A economía social

Con respecto ao ámbito da economía social, Lorenzana sinalou a importancia deste modelo empresarial en Galicia, que está conformado por preto de 14.000 persoas traballadoras nas máis de 3.000 entidades que operan neste segmento da economía, representando o 7% do PIB, o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros.

Indicou, así mesmo, que a economía social conta este ano en Galicia cun orzamento total de 42 millóns de euros (+20,87% con respecto a 2022), o que supón que case un terzo de investimento destinado á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social (27 de cada 100 euros) irá destinado a este fin.

A Xunta, ademais, está a ultimar a nova Estratexia galega da economía social para seguir a desenvolver programas para a difusión da economía social, creación e consolidación de iniciativas de economía social, e promoción do emprego inclusivo.

E-Social Hub

No eido da economía social, a conselleira, precisamente, coñeceu en Madrid e interesouse polas características do espazo de encontro E-Social Hub no que se facilita o acceso ao emprendemento colectivo ás persoas interesadas a través dun traballo conxunto e co apoio dun equipo multidisciplinar. É un punto de información e asesoramento técnico empresarial a persoas emprendedoras e empresas no que poden recibir información sobre todos os recursos nesta materia.

 

E-Social Hub tamén dispón dun Punto de Atención ao Emprendedor, onde se poden realizar os trámites necesarios para a creación de empresas baixo as fórmulas de sociedade limitada e empresario individual. Tamén conta cun espazo de coworking para facilitar ás empresas o desenvolvemento dos seus negocios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023