A Xunta reforza a promoción das estreas galegas na Berlinale cun evento festivo e a nova edición do catálogo ‘Films from Galicia’

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades organizará o luns na capital alemá un acto especial arredor do noso cinema para celebrar o fito que supón a súa presenza tripla no festival con ‘Matria’, ‘Sica’ e ‘Samsara’

Estas tres longas inclúense no catálogo ‘Films from Galicia 2023’, que comeza na Berlinale a súa difusión internacional con información sobre 74 novas producións para cine e televisión

Os representantes dunha quincena de empresas e entidades viaxan tamén a Berlín como parte da delegación galega no mercado profesional paralelo á mostra

As iniciativas intégranse no programa de internacionalización do audiovisual galego que o Goberno galego desenvolve ao abeiro do novo Plan Xeración Cultura
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023

O cinema galego pon rumbo cara ao Festival Internacional de Cine de Berlín, onde por primeira vez na súa historia ten presenza tripla no programa de exhibición coas estreas das producións Matria, de Álvaro Gago, e Sica, de Carla Subirana, ambas en versión orixinal galega e subvencionadas pola Xunta, así como de Samsara, a nova longametraxe de Lois Patiño.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reforzará a súa promoción na 73ª edición da Berlinale como parte do programa de internacionalización do audiovisual galego que desenvolve a Xunta de Galicia e que se integra, á súa vez, no novo Plan Xeración Cultura que se acaba de poñer en marcha cun investimento de 34M€ para levar a cabo unha batería de 57 accións. Así, o Goberno galego organizará na noite do luns o evento festivo Celebrating Galician Cinema, arredor do noso audiovisual e baixo a marca Films from Galicia, ao que están convidados representantes de festivais, crítica especializada e empresas de distribución internacional, entre outros profesionais.

Films from Galicia é tamén o título do catálogo que a Xunta publica cada ano para a difusión internacional da máis recente produción galega de cinema e televisión e que estrea en Berlín a súa nova edición de 2023. Nela ofrécese unha completa panorámica da actualidade do noso audiovisual, poñendo en valor a calidade e variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir a nosa Comunidade como escenario de rodaxe.

Apoio ao 80% das novas producións

Editado en inglés, o novo catálogo inclúe os tres títulos seleccionados na mostra como parte dunha escolma que ofrece información sobre 74 novos traballos, dos que preto do 80% contaron con subvención da Xunta a través das principais liñas de axuda ao sector. Clasificados en longametraxes cinematográficas de ficción, documentais, animación e televisión, 34 deles están xa completados e os 40 restantes, ultimando a fase final da súa produción.

Matriuska é a produtora galega á fronte de Matria, primeira longametraxe do realizador vigués Álvaro Gago, que terá a súa estrea mundial mañá mesmo dentro da sección Panorama do festival alemán. O domingo será a quenda de Sica, coprodución da galega Miramemira e a catalá Alba Sotorra que foi seleccionada na sección Generation 14Plus, mentres que o luns o vigués Lois Patiño presenta Samsara, coa que compite no apartado Encounters.

Ademais dos equipos dos devanditos filmes, ata Berlín viaxa unha delegación institucional e empresarial galega da que forman parte a Axencia Galega das Industrias Culturais, CRTVG, Asociación Galega de Produtoras Independentes e outra ducia de produtoras audiovisuais, acreditadas tamén no 35º European Film Market que se desenvolve en paralelo á mostra de cine.

O seu punto de encontro será o expositor de Films from Galicia no pavillón español deste mercado, un dos máis importantes do sector a nivel mundial, que se desenvolve ata o día 22 no emblemático edificio Gropius Bau. Os responsables de Big Rights, Cinemar Films, Cósmica Producións, eFILM, Filmika Galaika, Frida Films, Indígena Films, L'Atalante Cinema, Matriuska, Miramemira, Portocabo, Sétima Cinema ou Sun Lúa participan nel con cadansúa carteira de proxectos na procura de acordos de coprodución, vendas e distribución internacional dentro desta importante feira sectorial.

Así mesmo, todas as produtoras asistentes teñen á súa disposición a vixente convocatoria da Xunta para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros especializados e eventos de cine fóra de Galicia. A través desta vía, o ano pasado apoiouse unha vintena de empresas para a promoción dos seus traballos en encontros como o Bafici de Bos Aires, o festival de Nova York, Mipcom de Cannes ou a propia Berlinale.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023