Patrimonio Cultural autoriza ao Concello de Vigo á rehabilitación do Pazo da Raposeira e á reforma do muro do Pazo da Pastora

A Dirección Xeral comunica senllos informes favorables para avanzar nos dous proxectos de intervención

En ambos os casos será necesario achegar unha memoria final que documente adecuadamente todo o proceso levado a cabo

Vigo, 16 de febreiro de 2023 A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, vén de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre os proxectos para a rehabilitación e acondicionamento do Pazo da Raposeira e a intervención nun muro de contención do Pazo da Pastora.

 

O departamento autonómico responde aos documentos achegados pola Administración local no que se remite as actuacións denominadas “Proxecto de execución de rehabilitación e acondicionamento do Pazo da Raposeira” e “Proxecto de intervención, rehabilitacion parcial de muro de contención e peche en Pazo da Pastora”.

 

No primeiro dos casos, a nova autorización de Patrimonio Cultural condiciona o permiso a que as escavacións precisas para executar a obra deberán realizarse baixo control arqueolóxico. Ademais, tras finalizar a intervención, achegarase unha memoria final que documente adecuadamente todo o proceso levado a cabo en cada unha das súas fases.

 

Pola súa banda, no caso do Pazo da Pastora, deberá igualmente realizarse a memoria final e entregarse á Dirección Xeral no prazo de seis meses desde finalizada a intervención. 

Data de actualización: 16/02/2023