A Xunta expón no Foro Europeo Transfiere 2023 que se celebra en Málaga os logros do ecosistema de I+D+i galego

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación conta cun stand institucional no que participan unha vintena de entidades de I+D+i galegas

Esta acción enmárcase no programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, promovido pola Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, presentou o proxecto Sicle CO2, que busca solucións para compensar localmente as emisións de CO2

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia expón en Málaga os logros e o modelo de ecosistema de I+D+i galego na duodécima edición de Transfiere 2023, o foro europeo para a ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que se está a celebrar no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga (FYCMA). Así, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, conta cun stand institucional no que participa unha delegación cunha vintena de entidades de I+D+i galegas que presentan neste encontro profesional e multisectorial as súas capacidades científicas e tecnolóxicas.

 

Esta iniciativa da Xunta ten como obxectivo xerar oportunidades de mercado para a investigación e a innovación que se está a facer en Galicia. Transfiere 2023 é o principal encontro de I+D+i do sur de Europa para compartir coñecemento científico e tecnolóxico, promover a innovación e conectar ciencia e empresa.

 

Da man da Xunta de Galicia e a Fundación Barrié, participan no stand a Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, da Consellería de Sanidade; as Universidades da Coruña e Vigo, CSIC Galicia, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), que engloba ao centro tecnolóxico Aimen, a Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) , Gradiant, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Energy Lab, e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim); o Centro Tecnolóxico da Auga-Cetaqua Galicia; a Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fidis); o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga); Unirisco e Tecnópole.

 

A participación neste foro enmárcase no programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, promovido pola Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié, e que ten como obxectivo conectar o gran potencial da ciencia excelente e o entorno empresarial para converter a investigación en solucións útiles para a sociedade.

 

Durante a celebración de Transfiere, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, expuxo, no marco da mesa redonda de grandes proxectos de Compra Pública de Innovación (CPI), a situación actual do proxecto Sicle CO2, unha iniciativa innovadora que ten como fin buscar, a través da colaboración público-privada, posibles solucións que permitan compensar localmente as emisións de CO2 aproveitando a capacidade de absorción natural da Comunidade.

 

Logo de lembrar que é a primeira vez que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participa nunha iniciativa deste tipo, Pérez salientou que se están a superar as expectativas na fase de consulta preliminar ao mercado, que foi lanzada o pasado mes de outubro. De feito, apostou por seguir impulsando medidas deste tipo para conseguir transformar a xestión medioambiental desde a innovación.

 

Convocatoria aberta

A Xunta de Galicia ten actualmente aberto o prazo de solicitudes da convocatoria de Ignicia, coa que se busca facilitar a chegada ao mercado das investigacións galegas. A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, leva destinado preto de 13 millóns de euros a este programa, incluídos os 3,96M€ cos que está dotada esta edición. Desde a súa posta en marcha en 2016 apoiáronse 23 proxectos, dos que 12 teñen acadado o éxito comercial coa creación de nove empresas tecnolóxicas ou startups e tres licenzas. Estas startups empregan máis de 100 profesionais de alta cualificación.

Ademais, dentro do Programa Ignicia lévanse a cabo distintas accións para potenciar a transferencia de coñecemento en Galicia, como procesos de valorización de materiais innovadores, formación para persoal de xestión de transferencia e persoal investigador, encontros de transferencia e innovación ou estudos sobre a transferencia de coñecemento no Sistema Galego de I+D.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023