A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, interveu esta mañá no IV Congreso Nacional de Despoblación y Reto Demográfico celebrado en Albacete

A Xunta destaca que as medidas implantadas durante os últimos anos permitiron mellorar as previsións de poboación en 60.700 habitantes

No ano 2012 as previsións do Instituto Nacional de Estatística indicaban que Galicia non acadaría no ano 2022 os 2,63 millóns de habitantes e na actualidade supera os 2,69 millóns

Lembra que Galicia se converteu no ano 2021 na primeira comunidade en contar cunha Lei de Impulso Demográfico, que aborda esta situación desde unha perspectiva transversal

Tamén deu a coñecer as medidas impulsadas polo Goberno galego como a gratuidade de todas as escolas infantís ou a creación de recursos de conciliación no rural como as casas niño e as casas do maior

Albacete (Castela-A Mancha), 16 de febreiro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, interveu esta mañá no IV Congreso Nacional de Despoblación y Reto Demográfico, que ten lugar estes días en Albacete, onde puxo en valor as medidas adoptadas polo Goberno galego durante os últimos anos para atallar esta situación. Así, concretou que estas medidas conseguiron mellorar as previsións de poboación realizadas polo Instituto Nacional de Estatística para o ano 2022 en 60.700 habitantes. En concreto, estas previsións indicaban que Galicia non acadaría no ano 2022 os 2,63 millóns de habitantes e na actualidade supera os 2,69 millóns.

 

A conselleira lembrou que Galicia converteuse en xaneiro do ano 2021 na primeira Comunidade en aprobar unha Lei de Impulso Demográfico. Un marco normativo, sinalou, que eleva esta cuestión a rango de lei e que aborda a situación demográfica desde unha perspectiva transversal. Deste xeito, apuntou que o Goberno galego está impulsado medidas pioneiras e valentes para o apoio das familias e da súa conciliación.

 

Neste sentido, apuntou que Galicia volveu a ser pioneira en aplicar a gratuidade de todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, para segundos fillos e sucesivos. Unha medida que este curso se ampliou a todos os nenos e que beneficia a máis de 30.000 familias. Así mesmo, tamén puxo en valor aquelas medidas destinadas a fomentar o asentamento no rural como as casas niño, as casas do maior ou programas de atención como o Coidados porta a porta ou o Xantar na casa, que lle permite ás persoas maiores seguir vivindo nos seus lugares de sempre e recibir coidados ao carón das súas casas.

 

Igualdade de oportunidades

Fabiola García afirmou que é necesario garantir a necesaria igualdade de oportunidades entre todos os territorios para que as persoas poidan decidir libremente onde vivir sen ter que renunciar a nada. Por este motivo, lembrou a necesidade de traballar na aplicación dos 35 puntos asinados na Declaración de Santiago en novembro do ano 2021, na que oito presidentes autonómicos reivindicaron un financiamento autonómico máis xusto, máis medidas para o envellecemento activo e a conciliación e máis medidas de apoio ao rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023