O presidente da Xunta resalta que Galicia bate o seu récord histórico de exportacións e alcanza por primeira vez os preto de 30.000 M€

Destaca que as vendas ao exterior das empresas galegas en 2022 supoñen “un 18,3 % máis” que no anterior exercicio, que tiña o mellor rexistro ata o de agora

Resalta que Galicia pechou o ano “cunha balanza comercial positiva” de máis de 2.800 millóns de euros, fronte ao conxunto de España que finalizou en números vermellos

Para seguir contribuíndo a estes datos, o Consello da Xunta aprobou hoxe a nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que suma 2,3 millóns para promover accións de internacionalización en ata 600 compañías

A iniciativa enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que destina máis de 20M € este ano a colaborar co tecido empresarial galego
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que Galicia logrou en 2022 un novo rexistro histórico en exportacións, achegándose por primeira vez aos 30.000 millóns de euros (en concreto, 29.886 millóns). “Isto supón 4.600 millóns de euros máis e un 18,3% máis de vendas ao exterior que no 2021”, que tiña o mellor rexitro ata o de agora, indicou.

 

Rueda subliñou ademais que Galicia pechou o ano pasado “cunha balanza comercial positiva”, algo que “non ocorreu no conxunto de España”. Nesta liña, lembrou que Galicia finalizou 2022 cun saldo favorable de 2.802 millóns de euros -na comparativa entre as vendas ao exterior e as importacións-, alcanzando así a terceira mellor balanza en termos absolutos. Esta tendencia positiva non se produce no conxunto do Estado, onde o saldo comercial pechou en números vermellos (-68.112M€). As exportacións galegas supoñen o 7,7% do total de España.

 

Por sectores destacan os incrementos en industrias clave para Galicia como o sector téxtil, cun +21,1% en vendas ao exterior que en 2021; a industria química, cun +47,3%; as máquinas e aparellos mecánicos, cun +45,4%; ou a metalurxia, cun +16,5%.

 

Por países rexistráronse importantes subas nas vendas a Países Baixos: +86%; Alemaña (+30,9%); Portugal (+27,4%); ou Bélxica (+25,7%). Fóra de Europa destaca a suba en EEUU (+21,2%), México (+48,4%) ou Oriente Medio (+52,5%), contribuíndo así a impulsar a diversificación dos mercados.

 

O número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano foi de 8.496, mentres que o número de exportadoras regulares –as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, alcanzou as 2.653, un 3,5% máis que en 2021.

 

Para seguir contribuíndo a estes datos, o Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan de Misións Comerciais, ao que se destinarán 2,3 millóns de euros “co obxectivo de impulsar accións de internalización en pemes e grandes empresas galegas”, indicou Rueda, quen explicou que a previsión é promover “ata 200 iniciativas en 30 países”. Esta medida forma parte da Estratexia de Internacionalización da Xunta, que en total dedicará máis de 20 millóns de euros este ano a colaborar co tecido empresarial galego e tratar así de contribuír ao mantemento do mellor ciclo exportador da historia de Galicia.

 

O Plan de Misións Comerciais, que desenvolve a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, recolle dúas liñas. A primeira céntrase nas pequenas e medianas empresas e suma máis do 80 % do orzamento, mentres que a segunda está pensada para as grandes empresas, na procura de que estas poidan participar nas misións achegando a súa experiencia e volume como efecto tractor para a dinamización internacional do tecido empresarial.

 

O obxectivo é que arredor de 600 compañías tomen parte nas accións de promoción, favorecendo o seu posicionamento nos mercados exteriores. Para acadar esta meta, destínanse case dous millóns a pequenas e medianas empresas, contía que se complementa con 360.000 euros para grandes compañías na procura de que contribúan á expansión internacional das de menor tamaño.

 

O programa, aprobado hoxe polo Consello da Xunta, prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial, entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a súa idoneidade para as empresas galegas.

 

As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios que alcanzan o 90 % no caso das pequenas e medianas empresas, porcentaxe que chega ata o 70 % para as grandes empresas.

 

Cómpre salientar que desde o ano 2014 o Goberno galego ten destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2023